Standard&Poor´s mantén estable o rating de Galicia e destaca a “satisfactoria” xestión financeira da Comunidade

Standard&Poor´s

 

A axencia de cualificación Standard&Poor´s vén de manter estable o rating de Galicia, de forma que a cualificación da débeda da Comunidade mantense en BBB, ao tempo que destaca a “satisfactoria” xestión financeira de Galicia e o cumprimento dos obxectivos de déficit por parte da Xunta de Galicia.

A axencia precisa que a Comunidade galega debería ter unha cualificación superior, algo que non é posible porque Standard&Poor´s non permite que unha comunidade autónoma de réxime común, excluídas as forais, teña un rating superior ao do Estado soberano.

Standard&Poor´s indica que de acordo cos seus criterios, o nivel de crédito indicativo (ICL) para a Comunidade Autónoma de Galicia é BBB+, superior á súa cualificación, que se ve limitada polo rating do Estado. A ICL non é unha cualificación de crédito, senón que reflicte o nivel de solvencia que esta axencia de cualificación outorga a Galicia, sen ter en conta o límite de cualificación do Estado soberano ao que pertence.

A axencia de cualificación resalta que a xestión financeira da Comunidade Autónoma é “satisfactoria”, e que a liquidez da Administración galega é “adecuada”. Ademais, sinala que os pasivos continxentes son baixos.

Standars&Poor’s destaca tamén –entre outras consideracións– o esforzo de consolidación fiscal que vén realizando Galicia nos últimos anos, maior que a maioría de comunidades autónomas. Galicia pechou o exercicio 2013 cun déficit do 1,1%, cumprindo o obxectivo de estabilidade aprobado no Consejo de Política Fiscal e Financeira (CPFF) e sitúandose de novo por debaixo da media de comunidades. Ademais, mantén o compromiso neste 2014 de volver cumprir o obxectivo de déficit fixado para todas as comunidades, do 1%.