image_gallery (1)

 

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, apela ao traballo conxunto dos actores do sector lácteo para acadar a sustentabilidade económica, social e ambiental nun escenario sen cotas. “É o momento idóneo para a posta en común de todos os pasos dados nos últimos anos, de afondar nos proxectos de futuro e de dispor as pezas no novo taboleiro no que produtores, industria transformadora, distribuidores e Administración debemos xogar desde o vindeiro mes de abril”, dixo a conselleira. Fíxoo durante o acto de inauguración da xornada láctea “Novo escenario, novos retos e novos proxectos cooperativos conxuntos”, organizada pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA).

A conselleira reiterou que desde o 2009 a Xunta adoptou diversas medidas encamiñadas a mellorar a competitividade das explotacións, a súa capacidade financeira e a estrutura comercial do sector. Así, lembrou que o seu departamento impulsou a Lei de Mobilidade de Terras, a Lei de Montes e estase tramitando a Lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria –admitida a trámite esta semana no Parlamento de Galicia-. Esta última normativa permitirá ordenar axeitadamente a superficie aproveitable en termos de reestruturación, abaratando custes de execución sen prexudicar os dereitos dos administrados e minorando o tempo de execución das concentracións.

Rosa Quintana tamén fixo un percorrido polas medidas impulsadas desde o Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente a prol do lácteo. Lembrou que a Lei da Cadea Alimentaria, a Lei de Concentración de Oferta e Demanda e o Decreto que regula as organizacións de produtores e as organizacións interprofesionais serán pezas clave no futuro do sector e mellorarán a estrutura produtiva, transformadora e comercial. Tamén recalcou a importancia do Grupo de Traballo da Cornixa Cantábrica –impulsado por Galicia e Cantabria- que servirá para poñer en marcha medidas de control que garantan o equilibrio e a transparencia dos diferentes elos da cadea do leite nas relacións contractuais.