Rogelio Martínez comprobou as obras de mellora en dous camiños rurais do Concello de Rairiz de Veiga

Presentación.IX.festival.Rebulir.01O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez, supervisou esta mañá o resultado dos traballos levados a cabo no municipio de Rairiz de Veiga ao abeiro do Plan Marco Programa de mellora de camiños de titularidade municipal da Consellería de Medio Rural e do Mar.

Acompañado polo alcalde do concello, Xosé Xaquín Rodríguez,  o delegado territorial visitou a zona onde se realizaron as obras. Os traballos consistiron na mellora da capa de rodaxe do camiño de Montealbán, logo dos labores de limpeza da maleza,  e a reparación do camiño da Veiga.  A actuación contou  cun investimento total de 43.000 euros e ten como fin favorecer as condicións de tránsito e seguridade vial e, deste xeito, proporcionar maior calidade de vida á poboación destes núcleos rurais.

Rogelio Martínez lembrou que en total, a través deste Programa Marco, a Consellería de Medio Rural e do Mar destinou na pasada convocatoria preto de 3.600.000 euros para levar a cabo actuacións en camiños e estradas rurais da totalidade dos concellos da provincia ourensá. Segundo salientou o delegado territorial “con estas iniciativas búscase dignificar e mellorar a calidade de vida da poboación que reside nestas zonas e contribuír a arranxar as deficiencias que persisten en determinadas zonas rurais”.

A contía da dotación para financiar as obras que se executen nos concellos ourensáns a través do vindeiro Plan Marco 2014-2015 duplicouse con respecto da do anterior, e cífrase en preto de 6 millóns de euros.  Destes fondos, pouco máis de 2.700.000 euros corresponden á anualidade de 2014 e os máis de 3 millóns restantes á anualidade de 2015. Segundo o delegado territorial “este incremento permitirá atender proxectos que melloren un maior número de camiños”. Ademais, Rogelio Martínez agradeceu a colaboración  dos alcaldes no desenvolvemento destes programas que “poñen de manifesto a sintonía da administración autonómica e os concellos para levar a cabo os programas deseñados para alcanzar unha mellora da calidade de vida da poboación rural”.

También te podría gustar...