Os profesionais sanitarios poderán consultar a historia clínica dos pacientes galegos que se atopen fóra da Comunidade Autónoma

SERGAS

A historia clínica resumida dos pacientes pertencentes ao Servizo Galego de Saúde está dispoñible, a partir de hoxe, para os sanitarios doutras comunidades autónomas. Do mesmo modo, os profesionais galegos tamén poden consultar algúns documentos clínicos facilitados por outras comunidades. Ademais, esta información irá aumentando de forma progresiva.

Isto supón unha vantaxe tanto para os sanitarios que, ao coñecer algúns datos relevantes do historial clínico poderán facer diagnósticos máis precisos, como para os doentes, que recibirán unha mellor atención e un tratamento máis personalizado.

Esta iniciativa enmárcase dento do Proxecto de historia clínica dixital do Sistema Nacional de Saúde (HCDSNS) posto en marcha polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. O obxectivo é responder as necesidades dos cidadáns que requiren atención sanitaria cando se atopan fóra da comunidade autónoma na que habitualmente residen.

Trátase de compartir entre os profesionais sanitarios, no ámbito do SNS, aqueles datos que sexan relevantes dende o punto de vista clínico e que resuman o esencial do contido da historia clínica do cidadán.

Novas tecnoloxías

Doutra banda, os cidadáns galegos, mediante DNI electrónico con certificado válido, poderán acceder dende a páxina web do Sergas (http://www.sergas.es) a ela e, progresivamente, aos distintos tipos de documentos que a conforman.

Deste xeito, Sanidade segue apostando polo fomento do uso das novas tecnoloxías para mellorar a accesibilidade á poboación. Neste senso, en Galicia están dispoñibles para a súa realización a través da Internet un total de 16 servizos públicos sanitarios en liña para o cidadán. Unha cifra que foi crecendo desde 2006, cando só había tres. En concreto pódense realizar diversos trámites, relacionados coa tarxeta sanitaria, a solicitude de cita previa, o acceso á historia clínica, a subscrición a noticias e recordatorios de citas, o servizo de suxestións e foros de participación cidadá, entre outros.

A historia clínica electrónica é o rexistro unificado de todas as consultas, intervencións cirúrxicas, probas diagnósticas ou prescricións farmacolóxicas, entre outras, realizadas a un paciente nos diferentes niveis asistenciais que compoñen o Sergas, independentemente do hospital, clínica ou centro de saúde de Galicia no que se rexistrara.