image_gallery

 

Rogelio Martínez clausura a 16ª edición de Xantar que se converteu, un ano máis, no escaparate internacional da gastronomía galega.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, participou hoxe na clausura do XVI Salón Internacional de Turismo Gastronómico, ‘Xantar 2015’.

Rogelio Martínez destacou que “Xantar é xa un referente entre os amantes da arte culinaria en Galicia pero ademais nos últimos anos acadou unha enorme proxección internacional”. Na súa intervención, Martínez recordou que a gastronomía é un dos principais atractivos turísticos de Galicia e que esta feira contribúe a pór en valor os produtos da nosa terra e os profesionais da cociña galega.

Na súa intervención, Martínez destacou que o evento encaixa á perfección cos grandes eixes da política da Xunta, que pasan por potenciar o turismo, especialmente o internacional; e pola internacionalización da nosa economía e das nosas empresas.

Segundo o delegado terrritorial, o salón de Xantar é unha “ferramenta imprescindible” para alcanzar eses obxectivos turísticos e de externalización. Xantar proxecta internacionalmente a nosa gastronomía, tanto para lograr compradores nos mercados globais como para lograr visitantes que queiran vivir a experiencia de degustar os nosos produtos no seu ambiente natural.

Martínez indicou que as máis de 300 festas gastronómicas que se celebran en Galicia impulsan o sector turístico e promoven os nosos produtos con indicación de calidade, pero ademais asegurou que a enogastronomía en Galicia non só destaca pola cantidade, senón tamén pola calidade. Así aludiu a existencia de 12 restaurantes con Estrela Michelín, 23 restaurantes que atesouran 29 Soles Repsol e 51 establecementos de restauración coa Q de calidade.

O máximo representante do Executivo galego en Ourense asegurou que “Xantar, ao longo dos seus dezaseis anos de traxectoria, contribuíu, sen dúbida, ao posicionamento de Galicia como destino gastronómico de calidade”.