Reanúdase o ciclo de lecer «Xoves de Terraceo» en Trives

  • Na Praza Doutor Paz
 
 
Os establecementos locais organizadores, O Boliche e A Cantina do Catro, presentan un novo cartel para este mes de agosto con tres actuacións programadas para os xoves 12, 19 e 26.
 
Polo escenario da Rúa Doutor Paz pasarán estes días o humorista Xan Veiga (día 12), o músico Dani Barreiro (día 19) e o DJ Rafa (día 26). Humor, música e guateque para completar un mes de agosto que disque chegará, por fin o verán… incluso en Trives.
 
Das terras de Arzúa chega este xoves 12 o humorista Xan Veiga co seu espectáculo «Que anos aqueles!».
 
Este humorista de Arzúa estivo no Luar da TVG máis de sete anos contando contos e chistes co cal a experiencia e recursos para facer rir non lle faltan. Dende hai uns anos arrimoulle experiencias e anécdotas á súa vivencia persoal e creou este texto que resulta unha simpática e retranqueira volta aos 80.
 
Un monólogo «Made in Galicia» no que nos embarcaremos nunha viaxe ao pasado para lembrar as desventuras dun galego calquera, unha especie de Balbino actualizado.

Xan Veiga tráenos á memoria un bo feixe de costumes, ditos, xogos, cantigas e outras lerias que nos farán matinar no moito que cambiaron as cousas dende aquela… do moito que cambiaron ou non.
 
Nas terrazas da Praza Doutor Paz cumprirase co aforo permitido e respectaranse as medidas sanitarias que impoñen os protocolos anticovid.