Proxecto para a urbanización da Zona C (Rof Codina-Cobas)

  • Cambiará a fisionomía da cidade de Monforte
  • José Tomé Roca, ven de presentar este importante proxecto para a cidade e comunicar a publicación onte do anuncio de licitación das obras para a urbanización e dotación de servizos da Zona C, que comprende os terreos ubicados entre a rúa Rof Codina e o barrio de Cobas, polo que o prazo para a presentación de ofertas estará aberto ata o 5 de outubro de 2021
  • Para esta actuación, o Concello dispón dun orzamento de licitación de 918.165,09 euros (IVE engadido) e o prazo de execución da obra será de oito meses, dende a sinatura da correspondente acta de replanteo, “polo que calculamos que as obras van estar rematadas no vindeiro ano 2022”, salientou o rexedor monfortino
  • Este proxecto conta cunha axuda de 300.000 euros aportados pola Deputación de Lugo, sendo o resto do orzamento total aportado polo Concello monfortino, é dicir, 618.165,09 euros
  • O rexedor municipal subliñou que “este proxecto vai cambiar a fisionomía da cidade de Monforte, poñendo en valor unha zona que estaba abandonada e que dende o punto de vista da mellora urbana, supón un salto cualitativo moi importante, porque con proxectos coma este, Monforte, vai seguir avanzando”
  • «O proxecto de urbanización da Zona C vai ser pioneiro en Monforte e en moitos outros concellos de Galicia, e a través del imos mellorar urbanisticamente unha zona sensible para a nosa cidade como é a contorna do río, a proximidade do conxunto monumental de Nosa Señora da Antiga, máis coñecida como Escolapios, e o Barrio de Cobas”, concluíu o Alcalde

 

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca,  acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada, ven de dar a coñecer mediante rolda de prensa o proxecto para a urbanización e dotación de servizos da Zona C, que comprende os terreos ubicados entre a rúa Rof Codina e o barrio de Cobas, así como comunicar a publicación hoxe do anuncio de licitación para a execución das correspondentes obras contempladas en dito proxecto.

“Estas obras van permitir eliminar a balsa de maleza que existe dende o final da rúa Rof Codina ata a rúa Cobas e na rúa Fontecha, abrindo novos viais, creando novas parcelas para edificar e unha nova zona verde axardinada arredor da Gardería Municipal” destacou o rexedor municipal. “Con estas obras imos cambiar a fisonomía da cidade, mellorando a trama urbana e poñemos en valor, unha zona da cidade moi preto do monumento da Nosa Señora da Antiga, que sen dúbida vaille dar unha maior calidade urbana a esa parte de Monforte”.

O pasado mes de novembro de 2020, o Alcalde monfortino dera a coñecer os inicios dos traballos para a elaboración do proxecto construtivo da Zona C, e daquela o custe total do mesmo ascendía a 1.023.698,80 euros, segundo os cálculos do proxecto de reparcelación.

Unha vez elaborado o proxecto construtivo e axustados os custes, as obras para a urbanización e dotación de servizos da Zona C, teñen un custe de licitación de 918.165,09 euros (IVE engadido), aproximadamente uns 100.000 euros menos dos inicialmente estimados.

O proxecto conta cunha axuda de 300.000 euros aportados pola Deputación de Lugo, sendo o resto do orzamento aportado polo Concello monfortino, é dicir, 618.165,09 euros, un 67,33€ do total. 

Prazos

O prazo de presentación de ofertas será de 26 días naturais dende que se publique o anuncio na Plataforma de Contratación, o cal vai ser hoxe día 9 de setembro, polo que o prazo de presentación estará aberto ata o martes 5 de outubro ás 14.00 h.

A mesa para a apertura do sobre técnico terá lugar o mércores 6 de outubro ás 9 da mañá, e a apertura da oferta económica terá lugar o mércores 13 de outubro á mesma hora.

O prazo de execución da obra, unha vez adxudicada e asinada a acta de replanteo, será de 8 meses, polo que, segundo salientou o Alcalde “calculamos que as obras van estar rematadas no vindeiro ano 2022”.

Proxecto de urbanización e dotación de servizos da Zona C

Na súa comparecencia, o Alcalde deu conta dos principais datos que recolle o proxecto construtivo e que son os seguintes:

  • O número de parcelas afectadas por este proxecto de urbanización eran 12 fincas.
  • A superficie total afectada por esta urbanización incluíndo a superficie das parcelas e o vial municipal supoñen 21.090 metros cadrados, algo máis de dúas hectáreas.
  • O número de propietarios destas 12 parcelas era de 73.
  • O número de parcelas que van quedar despois da urbanización son 18, das cales 15 son para urbanizar e 3 para zonas verdes.

A superficie resultante, unha vez urbanizados estes terreos, queda do seguinte xeito:

  • Para rúas novas, 6.323 metros cadrados.
  • Para espazos libres e axardinados, 8.982 metros cadrados.
  • E para solares, 5.785 metros cadrados.

O aproveitamento urbanístico destes 5.785 metros cadrados urbanizables é de 22.230 metros cadrados edificables, dos cales 4.744 metros cadrados serían baixos e 17.486 metros cadrados serán para vivendas.

As edificacións serán de baixo máis tres alturas, na marxe dereita con fachada e traseira e na marxe esquerda deberán ser doble fachada, por contar con paseos peonís entre os edificios e a zona axardinada.

“Como se pode contemplar no plano de planta do proxecto”, subliñou Tomé Roca, os accesos á Gardería Municipal van ser peonís por seguridade dos nenos e das nenas que acudan a esta gardería, tendo a posibilidade de estacionar moi preto a ambos lados da Gardería, tanto no Parque dos Condes como na nova rúa que se vai construír”.

Tanto as novas beirarrúas como o acceso peonil á Gardería, serán de losas de granito, o que vai realzar a singularidade desta urbanización.

Nas rúas de nova creación, vanse crear 67 prazas de estacionamento e 3 para persoas con discapacidade, o que facilitará a mobilidade de todos os veciños e veciñas de Monforte.

“Con este proxecto melloramos as comunicacións dende a Avenida de Galicia a través da rúa Rof Codina ó barrio de Cobas, dándolle unha solución urbanística de menor impacto ó final dos edificios da rúa Rof Codina, especialmente no remate da beirarrúa da esquerda e valorizando toda esa zona” sinalou o rexedor monfortino.

Ademais de novas rúas e de parcelas edificables, tamén haberá unha nova zona axardinada duns 6.000 m2 aproximadamente arredor da Gardería Municipal e do borde ó longo do río Cabe, dándolle unha semellanza ó xardín do Parque dos Condes, quedando as dúas marxes do río Cabe como zonas verdes, poñendo en valor esa zona da cidade.

Criterios de adxudicación

Os criterios de adxudicación que se valorarán dende o Concello para a elección da proposta máis vantaxosa serán:

  • Oferta Económica (prezo): 50 puntos.
  • Memoria Técnica: 20 puntos.
  • Ampliación do prazo de garantía: 10 puntos.
  • Repavimentación da rede viaria afectada, incluíndo a sinalización vial, e incremento da superficie pavimentada en rúa Teceláns, ata contactar co perímetro pavimentado da Gardería Municipal: 10 puntos.
  • Iluminación de sendeiros peonís: 5 puntos.
  • Incremento de 3 a 4 metros en anchura de dous paseos peonís: o situado no fronte sur de volumes de edificación, fronte á zona axardinada, e o ubicado no sendeiro peonil da zona axardinada suroeste: 5 puntos.
 Antecedentes

Na súa comparecencia, o Alcalde monfortino esbozou os pasos que se foron dando dende o Concello en relación á evolución desta nova zona urbanística da nosa cidade.

O terreo, denominado “Zona C”, foi calificado como solo urbano non consolidado, polo Pleno do Concello de Monforte celebrado o 12 de abril do ano 2000, fai máis de 20 anos, sendo publicado no BOP de 26 de abril e publicado no DOG de 27 de abril dese mesmo ano. Mediante ese acordo plenario produciuse unha modificación das Normas Subsidiarias de Planeamento Municipal, que permiten urbanizar esas zonas e poñelas ó servizo da cidade de Monforte.

Tomé Roca salientou que “pasaron máis de 20 anos dende aquel acordo e ata agora ningún goberno municipal se atreveu a levar a cabo a súa urbanización, así que, igual que ocorre con outros proxectos, este Alcalde e o seu Equipo de Goberno, puxémonos mans á obra para urbanizar esta zona da cidade e seguir mellorando o noso Concello”.

Para poder levar a cabo esta urbanización, o primeiro paso dado foi levar a cabo o Proxecto de Reparcelación da “Zona C”, desenvolto pola empresa MONSA Urbanismo, e aprobado inicialmente na Xunta de Goberno do Concello, en data 23 de novembro de 2020.

O 9 de decembro de 2020, iniciouse o proceso de  notificación ós donos das parcelas afectadas por este proxecto, notificación que foi realizada polos Axentes da Cidadanía do Concello, domicilio a domicilio.

O seguinte paso foi a exposición pública durante un mes, que empezou a contar dende a notificación ós afectados polas fincas que se reparcelan.

A aprobación do proxecto definitivo así como a resolución das alegacións presentadas tivo lugar en Xunta de Goberno deste Concello o pasado 16 de xuño de 2021.

Rematados estes trámites administrativos, dende o Concello procedeuse a elaborar o proxecto construtivo, que unha vez elaborado, foi presentado hoxe polo Alcalde xunto co anuncio da licitación das obras do citado proxecto. Unha vez adxudicado e contratada a empresa adxudicataria, esta realizará as obras de urbanización propiamente ditas, nun prazo estimado de 8 meses.

O Alcalde concluíu a súa intervención salientando que “este proxecto vai cambiar a fisionomía da cidade de Monforte, poñendo en valor unha zona que estaba abandonada e que dende o punto de vista da mellora urbana, supón un salto cualitativo moi importante, porque con proxectos coma este, Monforte, vai seguir avanzando”.

O proxecto de urbanización da Zona C vai ser pioneiro en Monforte e en moitos outros concellos de Galicia, pois hai moi pouca experiencia neste tipo de urbanizacións, e a través del imos mellorar urbanisticamente unha zona sensible para a nosa cidade, que cada vez ten máis vida, como é a contorna do río, a proximidade do conxunto monumental de Nosa Señora da Antiga, máis coñecida como Escolapios, e o Barrio de Cobas.