Proxecto de mellora da rúa Roberto Baamonde

  • José Tomé Roca, destacou en rolda de prensa que esta mellora suporá a reposición da capa de rodadura deste vial urbano, ó longo de 810 metros lineais, e a renovación da súa sinalización horizontal e vertical
  • “Roberto Baamonde é unha das rúas máis transitadas da cidade, que comunica coa zona da Estación, saída cara Pobra de Brollón e tamén cara á N-120, polo que, é unha rúa que axuda a conformar a imaxe da nosa cidade, e que polo tanto, queremos dende o Equipo de Goberno, manter en bo estado esta rúa que vertebra a trama urbana de Monforte”, subliñou o Alcalde
  • Este proxecto ten un custe de licitación de 74.519,58 euros (IVE engadido), e o prazo de presentación de ofertas será de 26 días naturais dende que se publique o anuncio na Plataforma de Contratación
  • O prazo de execución da obra, unha vez adxudicada e asinada a acta de replanteo, será de 14 días hábiles. “Este é un prazo amplo, xa que unha obra deste tipo poderíase desenvolver en menos tempo, pero establecemos este prazo de execución de 14 días debido a que é unha vía cun alto nivel de tráfico, e que non podemos cortar totalmente”, salientou o Alcalde

 

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, deu a coñecer onte un novo proxecto incluído no programa de melloras das infraestruturas municipais, tanto no eido urbano como no medio rural, desenvolto polo Equipo de Goberno monfortino.

“Trátase dun proxecto de mellora que afecta á rúa Roberto Baamonde e ven motivado polas eivas que dende o Concello detectamos en canto ó desgaste do seu pavimento, así como deficiencias na sinalización horizontal de dita rúa, as cales inciden negativamente nas condicións do tráfico”, indicou o rexedor municipal.

O proxecto de actuacións sobre esta rúa, consistirá na reposición da capa de rodadura deste vial urbano, ó longo de 810 metros lineais, e na renovación da súa sinalización horizontal e vertical. 

Importancia da rúa Roberto Baamonde

A rúa Roberto Baamonde créase a finais do século XIX sobre o trazado da vía que ía desde a Pobra de Brollón a Ourense. O seu primeiro nome como vía urbana foi o de avenida da Liberdade, adoptando o actual nome desde 1.926.

Trátase dun vial que discorre desde a súa confluencia coa rúa Cardeal Rodrigo de Castro ata o encontro coa rúa Calvo Sotelo, e a vía do ferrocarril.

É unha rúa que é atravesada no seu primeiro tramo pola Avda. de Galicia, e conflúen nela numerosas vías de menor intensidade de tráfico, o que a dota dun carácter de «colector-canalizador» de tráfico que, unido ó limitado da súa anchura, fai que en determinadas horas do día a fluidez do tráfico sexa intensa.

Roberto Baamonde é pois unha das rúas máis transitadas da cidade, que comunica coa zona da Estación, saída cara Pobra de Brollón e tamén cara á N-120, polo que, “é unha rúa que axuda a conformar a imaxe da nosa cidade, e que polo tanto, queremos dende o Equipo de Goberno, manter en bo estado esta rúa que vertebra a trama urbana de Monforte e que é un dos eixes de actividade residencial e terciaria máis importantes da cidade,” indicou Tomé Roca.

 
Actuacións de mellora en Roberto Baamonde

En concreto, as obras que se proxectan consisten nun fresado previo, de 5 cm de espesor,  excepto naqueles tramos nos que a urbanización da rúa así o requira por motivo de existir zonas acabadas en adoquín (por exemplo, a zona de Julio Camba e Pr. Do Conde) ou pola existencia dun paso peonil elevado (por exemplo, na parte alta de Roberto Baamonde). En ambas zonas respectarase o acabado existente. Ao resto da vía dotaráselle de nova capa de rodadura de 5 cm de espesor. Trátase de manter o mesmo nivel de rasante que ten actualmente.

Igualmente reporanse os sumidoiros, pozos e arquetas, tendo especial coidado no seu acabado e nivelación dos elementos metálicos de tapa, de maneira que se garanta a ausencia de ruídos que se xeran ao transitar o tráfico rodado por eles e que adoitan ser especialmente molestos para os residentes da contorna inmediata á vía.

Manteranse as dimensións dos actuais pasos de cebra, xa que  que son suficientemente axeitados para o tráfico peonil da zona onde se sitúan.

E finalmente, o Concello reforzará e renovará a sinalización horizontal e vertical, co obxecto de sinalizar a calzada da forma máis clara e lexible posible, con tres liñas para delimitar os dous carrís de circulación, as zonas de estacionamento e os espazos habilitados para carga e descarga. Especialmente, renovarase a sinalización vertical, concretamente no encontro da rúa coa Avda. de Galicia, coa inclusión de dúas sinais verticais de sentido obrigatorio e de prohibición de virar á esquerda, tal como está agora, pero máis completa.

No entronque coa Avda. de Galicia, e previa á realización destas obras, realizarase unha pequena nivelación do entronque das dúas rúas, motivado polo paso da Vuelta Ciclista a España o día 3 de setembro, que despois será retirado.

Licitación do proxecto e prazos

Este proxecto ten un custe de licitación de 74.519,58 euros (IVE engadido), e conta cunha financiación 100% municipal.

O prazo de presentación de ofertas será de 26 días naturais dende que se publique o anuncio na Plataforma de Contratación.

A mesa para a apertura do sobre técnico terá lugar o luns 6 de setembro ás 9 da mañá, e a apertura da oferta económica terá lugar o mércores 8 de setembro á mesma hora.

O prazo de execución da obra, unha vez adxudicada e asinada a acta de replanteo, será de 14 días hábiles (tres semanas). Neste senso, o Alcalde precisou          que “este é un prazo amplo, xa que unha obra deste tipo poderíase desenvolver en menos tempo, pero establecemos este prazo de execución de 14 días debido a que é unha vía cun alto nivel de tráfico, e que non podemos cortar totalmente.-Por este motivo, valoramos desenvolver a obra por tramos, a fin de que cause os menores trastornos posibles ós condutores que por ela transiten, facendo compatible na medida do posible, as obras coa circulación, sen cortar totalmente o tráfico”.

Criterios de adxudicación

Os criterios de valoración para a elección da proposta máis vantaxosa serán:

  • Oferta económica, que suporá un 50% da puntuación total.
  • A Memoria técnica, un 25% do total e que deberá incluír aspectos relacionados con como se vai organizar a obra e os medios que se van destinar á mesma, posibles melloras ambientais na execución e posible redución do prazo de execución.
  • A ampliación do prazo de garantía, 10%.
  • O incremento da profundidade do fresado proxectado en 1 cm. e o incremento do espesor da rodadura proxectada en 1 cm., 10% do total.
  • E melloras cuantitativas nas sinalizacións verticais, un 5%.

O Alcalde concluíu salientado que “con este proxecto de mellora da rúa Roberto Baamonde, garantiremos unha vida útil da vía para varios anos, e acadaremos un aforro nos gastos derivados da vixilancia e control da seguridade no tráfico da cidade, ademais dunha sensible mellora para a seguridade do tráfico e dos viandantes. -Por parte do Concello, imos seguir traballando para levar a cabo actuacións de melloras moi relevantes para as infraestruturas desta cidade.”

O rexedor municipal tamén aproveitou para anunciar que hoxe mesmo deron comezo actuacións de mellora do firme na zona de Ribasaltas, en concreto dende o Canal ó Porto Seco, así como na Travesía de Eduardo Pondal cara á urbanización Val de Lemos. E nos vindeiros días acometeranse obras de mellora en Sesbalde e na rúa Codesás (por detrás do Hospital).

También te podría gustar...