Proposta unha modificación de crédito que habilita 4 millóns en axudas

  • O grupo de goberno da Deputación propón unha modificación de crédito que habilita 4 millóns en axudas
  • Presentarase no pleno do vindeiro día 29, aposta pola cooperación cos concellos e entidades empresariais, sociais, culturais e deportivas da provincia.
  • O deputado Pablo Pérez afirmou que esta modificación «é o resultado da boa xestión do goberno provincial».

00 Pablo Prez ene16

O grupo de goberno da Deputación de Ourense presentará no pleno do próximo día 29 de xaneiro unha modificación orzamentaria por valor de 9 millóns de euros, dos que 5 están destinados a amortización da débeda e os restantes 4 millóns a axudas nominativas. Esta modificación, dixo hoxe na presentación da proposta o deputado de cooperación, Pablo Pérez, «é o resultado da boa xestión realizada polo goberno provincial e aínda coa determinación do seu presidente de reducir a débeda e dedicar máis recursos a investimentos».

Pablo Pérez defendeu a recuperación da facenda provincial ao lembrar que no pasado ano a Deputación conseguiu reducir a débeda ata un 37 %, co claro obxectivo de acadar a «débeda cero» no 2019. «Hai dous anos tivemos o remanente de tesourería máis alto da historia da institución –dixo-, con 25 millóns de euros que serviron para amortizar débeda e incrementar os investimentos. E neste ano esperamos un novo remanente».

Para o deputado popular, é imprescindible contar cun plan de xestión, como ten o goberno provincial, «que nos permite ser unha das poucas administracións que leva catro meses cos presupostos do 2016 aprobados e que ten deseñada a súa estratexia de acción nun plan como o Ourense 15/19».

Proba de todo este labor, engadiu Pablo Pérez, e que no próximo pleno «poremos a disposición dos ourensáns case que 14 millóns de euros, entre a proposta de modificación orzamentaria, a aprobación dos plans provinciais con 52.500 euros para todos os concellos, outros 10.000 euros para programas de empregabilidade e 6.000 euros máis para accións destinadas á mocidade.

Cooperación en sete ámbitos

Un dos apartados máis importantes desta modificación de crédito son as chamadas axudas nominativas, explicou Pablo Pérez, que apostan claramente pola cooperación cos concellos, pero tamén con outras entidades locais, empresariais, sociais, culturais e deportivas da provincia.

No ámbito municipal, un total de 53 concellos, a Mancomunidade Terra de Celanova e o Consorcio dos Peares recibirán máis de 2,5 millóns de euros, en resposta ás súas peticións de axuda para infraestruturas, servizos, equipamentos, proxectos medioambientais, formación, promoción turística o actividades culturais, entre unha ampla variedade de solicitudes.

Na área de acción social, o grupo de goberno destinará 461.000 euros á residencia da terceira idade que promove a Fundación San Rosendo, ademais de impulsar programas de atención infantil na Gudiña e promover actividades para persoas con discapacidade, ata alcanzar preto do medio millón de euros neste apartado.

Outros 225.000 euros estarán dedicados á dinamización económica, impulsando proxectos que realizarán a estación invernal de Manzaneda, a Cámara de Comercio e a Asociación Galega de Pizarristas. Neste último caso trátase da primeira vez que se formaliza un convenio deste tipo, que o deputado salientou por se tratar «dos representantes dun sector estratéxico para a economía provincial».

A formación e as actividades no medio rural tamén atopan resposta na modificación orzamentaria, con axudas a Unións Agrarias e á Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia. Tamén se inclúe unha axuda de case 4.000 euros para un proxecto de investigación do Instituto de Medicina Legal de Galicia.

A proposta do grupo de goberno establece ademais axudas por un valor próximo aos 80.000 euros para o labor de conservación do patrimonio histórico e artístico que leva a cabo a Diócese de Ourense (tamén a primeira vez que se establece un convenio destas características), así como para as actividades culturais que desenvolve o Orfeón Unión Ourensana e a colaboración coa TVG nun documental sobre a catedral de Ourense.

Por último salientar o fomento do deporte, con 153.000 euros destinados a escolas deportivas, o programa Esquiou 16, os trofeos da copa Deputación e a Unión Deportiva Ourense.

También te podría gustar...