“Ourense, a provincia termal. Produtos turísticos innovadores” en Fitur

  • Manuel Baltar convida en Fitur «a compartir Ourense, nosa atractiva provincia»
  • O presidente do goberno provincial presentou hoxe en Madrid, na principal feira internacional de turismo en España, a iniciativa turística «Ourense, a provincia termal. Produtos turísticos innovadores»
  • Manuel Baltar afirma que en 2016 «Ourense terá un protagonismo innegable», citando como exemplos «La Vuelta» e a participación do COB na ACB, ámbalas dúas coa «marca Ourense» vinculada ao termalismo»

0 0 MB e fitur 16 1

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou hoxe en Madrid, no marco de Fitur, a feira internacional de turismo máis importante de España e líder para os mercados de Iberoamérica, a iniciativa turística «Ourense, a provincia termal. Produtos turísticos innovadores», que ten como obxectivo «poñer en valor os recursos naturais e culturais da provincia de Ourense, estruturando a oferta e os servizos para potenciar a «marca Ourense» e á nosa provincia como referente internacional do termalismo».

Manuel Baltar afirmou no acto de presentación que en 2016 «Ourense terá un protagonismo innegable con «La Vuelta» e a participación do COB na ACB, ámbalas dúas coa «marca Ourense» vinculada ao termalismo», e convidou a institucións, touroperadores e público en xeral «a compartir Ourense, nosa atractiva provincia».

O presidente do goberno provincial asegurou que en próximas datas «Ourense seguirá dando noticias de impacto no ámbito cultural e empresarial», e aproveitou a súa presenza en Fitur para presentar tres produtos turísticos innovadores: o Termalismo deportivo, o Termalismo Social e os Trens Turísticos. «En todos eles –dixo- exercemos a cooperación público-privada co liderado do goberno provincial, que desenvolve a súa visión de provincia plasmada no Plan Ourense 15-19 de xestión e estratexia operativa da Deputación.

No que atinxe a «Termalismo Deportivo» Manuel Baltar destacou que co Centro de adestramento de remo de Laias, Arnoia e Castrelo de Miño (CERLAC) «a nosa provincia convértese en capital do mundo do remo, coa presenza continua de seleccións nacionais e outros equipos que preparan en Ourense competicións como campionatos do mundo e mesmo os Xogos Olímpicos de Río», e citou como exemplo que nestes momentos atópase no CERLAC a selección de Francia.

En canto ao «Termalismo Social», Baltar dixo que a «Provincia Intelixente» visualízase con este programa «que é pura administración electrónica», xa que en cuestión de minutos, desde máis de 40 capitais de España, «as persoas interesadas poder resolver a xestión da súa viaxe, estancia e tratamento para gozar das nosas augas e das posibilidades culturais e de ocio e saúde que ofrecen os nosos establecementos balnearios e as súas contornas».

Finalmente, referíndose ao apartado dos «Trens Turísticos», Manuel Baltar definiunos como «produto estrela». «Discorren pola provincia de Ourense catro das sete rutas existentes en Galicia –comentou-, vinculadas ás catro denominacións de orixe vitivinícolas coas que contamos, o que nos converte na provincia da Península Ibérica co maior número delas».

A presenza da provincia de Ourense en Fitur, por medio da Deputación e do Inorde, é un escaparate perfecto para ofrecer as nosas potencialidades: termalismo, turismo, gastronomía e as destacadas singularidades que fan da nosa provincia un lugar novidoso e atractivo para visitar, moito máis este ano tendo en conta o protagonismo que Ourense terá nos ámbitos deportivo, musical e cultural.

En Fitur destacan os datos de participación que reflicten a presenza de 7.398 xornalistas procedentes de 60 países, unha expectación que evidencia a importancia desta feira de turismo no circuíto internacional de feiras do sector. Na edición de 2015, confirmando a tendencia de recuperación turística, déronse cita 9.419 empresas expositoras de 165 países e rexións, 125.084 participantes profesionais e 97.467 persoas de público non profesional.

0 0 MB e fitur 2016 2