O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, participouonte nos xardíns das Burgas, na presentación da 49ª edición do Rallye “Ourense Termal”, unha das probas automobilísticas máis importantes no ámbito nacional, que se celebrará os días 17 e 18 de xuño

Rosendo Fernández na presentación do 49 Rallye Ourense Termal

Rosendo Fernández na presentación do 49 Rallye Ourense Termal

 

Rosendo Fernández afirmou que o rallye é o “evento deportivo máis importante da provincia de Ourense, no que o goberno provincial colabora por dúas vías: Deputación de Ourense e Inorde”, e lembrou a Estanislao Reverter, “quen organizou este evento deportivo no ano 1967 por primeira vez”, e agradeceu ao Concello de Ourense o recoñecemento que lle fixeron a esta figura tan importante para a Ourense.

Asemade Rosendo Fernández destacou a importancia deste evento deportivo, que foi nomeado pola Real Federación Española de Automobilismo (RFEDA) “como o mellor Campionato de España de Rallys de asfalto. Trátase dunha cita que ten un gran retorno económico, cultural, turístico e termal para a provincia de Ourense”.

No acto tamén participaron o presidente da Escudería Ourense, Antonio Fernández; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad; o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Iván Corral; o secretario xeral de Deportes da Xunta, José Ramón Lete, xunto cos representantes dos concellos polos que discorre a proba e personalidades do mundo deportivo e social.

Durante a celebración do evento “máis de 500 persoas traballarán para que todo saia segundo o previsto, sobre todo, en materia de seguridade”, asegurou o presidente da Escudería Ourense, quen engadiu que se trata “dunha proba moi rendible, polo impacto económico que supón, cun retorno de 10 euros por cada euro investido, segundo a Universidade de Vigo”. E adiantou que están a traballar na vindeira edición, a número 50, “un fito que nun evento deportivo non é fácil de acadar”.

A proba automobilística discorre polos municipios da Peroxa, A Teixeira, Coles, Castrelo de Miño, Castro Caldelas, Esgos, Maceda, Parada de Sil, Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas, Toén e Xunqueira de Espadanedo, “cun percorrido de 564 quilómetros, dos cales 210, corresponden a tramos de velocidade”, afirmou Antonio Fernandez. A entrega de premios terá lugar o sábado, 18 de xuño, a partir das 22.00 horas no parque de San Lázaro.