As feiras do libro de Galicia 2016 instálanse en Ourense

  • As feiras do libro de Galicia 2016 recalan en Ourense cun amplo escaparate de novidades editoriais e máis de 30 actividades
  • A rúa do Paseo será o escenario da trixésimo segunda edición deste evento, no que participan oito librerías e a Biblioteca Pública
  • A Consellería de Cultura e Educación, a Federación de Librarías de Galicia e o Concello promoven este encontro coa produción editorial máis recente

feiraslibrogalicianovaAs Feiras do Libro de Galicia 2016 chegan hoxe venres a Ourense cun amplo escaparate de novidades editoriais, xunto con máis de 30 actividades para lles achegar a todos os públicos o libro e a lectura.

A programación, que se desenvolverá na cidade das burgas desde o 3 ao 8 de xuño, foi presentadaonte en rolda de prensa, nun acto no que o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, puxo en valor a oportunidade que ofrecen as feiras para “impulsar o comercio interior editorial, para darlle visibilidade ao libro en espazos centrais dos nosos concellos e para reforzar a programación de iniciativas que favorezan a dinamización da lectura”.

Sinatura de libros e presentacións de obras con autores como Bieito Iglesias, Carmen Blanco, Ramón Caride, Carlos Abeledo, Eva Veiga, Marta Santos e Manuel Caldas; contacontos, obradoiros e un coloquio sobre a novela de intriga centran as propostas da feira, que abrirá as súas portas ás 18:00 horas, cunha actuación de Susa Herrera e As Comadres. Posteriormente, ás 20:00 horas, terá lugar a inauguración da feira, coa lectura do pregón a cargo de Lalo Pavón.

Oito librerías –Pedreira, A Nova, Cartabón, Káthedra, Padre Feijoo, La Viuda, Nobel Internacional e Zampacontos– participan na trixésimo segunda edición da feira, que tamén contará con espazos para a Biblioteca Pública de Ourense, para o Grupo Marcelo Macías e o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, e para a Deputación Provincial de Ourense.

O Centro Empresarial de Ourense acolleu hoxe a rolda de prensa de presentación da feira, na que participaron tamén o alcalde da cidade, Xesús Vázquez; a presidenta da Federación de Librarías de Galicia, Pilar Rodríguez; o presidente da Agrupación de Libreiros de Ourense, José Manuel García; e o presidente do CCA Ourense Centro, Luis Rivera.

Programación en 14 concellos
A Federación de Librarías de Galicia e a Secretaría Xeral de Cultura promoven as Feiras do Libro de Galicia para favorecer o comercio editorial e a dinamización da lectura, cun calendario que este ano deu comezo o pasado mes de abril en Pontevedra e que proseguiu por Ferrol, O Porriño e mais Lugo.

Logo do seu paso por Ourense, as Feiras do Libro de Galicia chegarán ao concello de Redondela (do 16 ao 19 de xuño), a Ribeira (do 23 ao 26 de xuño), a Vigo (do 1 ao 10 de xullo), a Rianxo (do 21 ao 24 de xullo), á Coruña (do 1 ata o día 10 de agosto), a Viveiro (do día 12 ao 15 de agosto); a Foz (do 18 ao 21 de agosto); e, finalmente, a Monforte de Lemos (do día 24 ao 27 de agosto).

También te podría gustar...