• Últimos días para presentar traballos ao XIII Premio “Pura e Dora Vázquez” de ilustración
  • Convocado pola Deputación de Ourense, está dotado con 1.500 euros e o prazo de presentación remata o vindeiro 15 de abril

image_gallery2

 

O vindeiro 15 de abril remata o prazo para presentar traballos para o XIII Premio “Pura e Dora Vázquez” na modalidade de ilustración, dotado con 1.500 euros, que convoca a Deputación de Ourense. O obxectivo do certame é recoñecer a calidade artística de traballos creados para nenos e xóvenes, fomentar a lectura entre este público e destacar a figura das escritoras Pura e Dora Vázquez.

Os participantes deberán presentar os traballos tomando como base o texto gañador na modalidade de narración, que foi a obra “Damaluar” da escritora compostelá Monserrat Pis. Os interesados en participar na modalidade de ilustración deberán solicitar o texto no Negociado de Publicacións da Deputación de Ourense, ben persoalmente, ben por correo electrónico ao enderezo: publicacions@depourense.es, ou ben ou a través do teléfono 988317790.

Os traballos de ilustración deberán remitirse ao devandito Negociado de Publicacións tendo en conta as seguintes bases:

1.- Poderán concorrer ao premio ilustradores de calquera nacionalidade que presenten as súas ilustracións e orixinais, non menos de dez, tomando como base o texto premiado na modalidade de narración deste XIII Premio “Pura e Dora Vázquez” de narración xuvenil.

2.- As ilustracións deberán adaptarse ao tamaño do libro, que será o seguinte:

a. Ilustración de portada: 145 x 210 mm, tamaño visible da portada co libro pechado, sen sangue. 513,6 x 216 mm, tamaño total incluído solapas, contraportada e sangue.

b. Ilustracións interiores: 296 x 216 mm, sobre páxina con sangue.

3.- A presentación dos orixinais poderá realizarse no Rexistro Xeral da Deputación Provincial de Ourense ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, conforme coas seguintes normas:

Os concursantes remitirán seis exemplares da obra nun sobre pechado, indicando no exterior do paquete “PREMIO PURA E DORA VÁZQUEZ DE ILUSTRACIÓN”, á seguinte dirección:

Deputación Provincial de Ourense

Rexistro Xeral

Rúa do Progreso, 32

32003 Ourense

As obras remitidas irán asinadas exclusivamente con pseudónimo. Dentro do sobre introducirase outro sobre pechado en cuxo exterior figurará o pseudónimo do autor e título da obra, e no seu interior os seguintes datos: título da obra, nome, apelidos e pseudónimo do autor, enderezo postal, teléfono, enderezo electrónico, unha fotocopia do DNI e breve recensión bío-bibliográfica.

4.- O prazo de admisión de orixinais remata o 15 de abril de 2016, admitíndose, non obstante, aqueles que foran entregados nas oficinas de Correos ese mesmo día.

5.- Para esta modalidade de ilustración establécese un premio de 1.500 €.

6.- O xurado estará composto polos seguintes membros: o presidente da Deputación de Ourense (ou persoa, para o efecto, en que el delegue) e catro vogais escollidos dos distintos ámbitos da Cultura de Galicia. Actuará de secretaria a xefa da Sección de Arquivo e Publicacións da Deputación Provincial de Ourense ou funcionario en quen delegue (con voz e sen voto). Os vogais serán designados pola Comisión Informativa de Cultura, Deportes e Mocidade da Deputación Provincial, a proposta dos grupos políticos da Corporación.

7.- A composición do xurado darase a coñecer en data que se comunicará oportunamente, e este emitirá o seu ditame antes do 30 de abril de 2016.

8.- O acto de entrega do XIII Premio “Pura e Dora Vázquez” nesta modalidade de ilustración será o día, no lugar e á hora que se comunicarán oportunamente.

9.- O premio poderá ser declarado deserto, no caso de que o xurado así o considere, e a decisión deste será inapelable.

10.- A Deputación de Ourense resérvase os dereitos da primeira edición da obra premiada nos idiomas galego e castelán, coa posibilidade de cederlles tales dereitos a terceiros. O beneficiario do premio, que se compromete a renunciar expresamente a calquera pretensión sobre os ditos dereitos, recibirá gratuitamente vinte exemplares da obra premiada.

11.- Os orixinais non premiados poderán retirarse nos dous meses seguintes ao veredicto. Unha vez rematado ese prazo, os que non se retiren, serán destruídos.

A participación nesta convocatoria require a aceptación das normas contidas nestas bases.

EDICIÓN E DISTRIBUCIÓN DA OBRA:

A Deputación de Ourense publicará a obra premiada, tanto o texto como as ilustracións, e distribuirá gratuitamente os exemplares necesarios para os centros de lectura da provincia de Ourense (bibliotecas, centros de ensinanza, asociacións e entidades culturais), e disporá de exemplares para a súa distribución venal, nas condicións establecidas na ordenanza reguladora de publicacións publicada no BOP do día 19 de novembro de 2013.