Premiados os debuxos e as redaccións sobre «O Parlamento de Galicia, a nosa casa»

  • A Deputación de Ourense entrega os III Premios «Estatuto de Autonomía para Galicia»
  • É a única institución que rende homenaxe á norma institucional básica galega, «que nos define como nacionalidade histórica e nos deu un importante ámbito competencial», expresou Manuel Baltar
  • Baixo o lema «O Parlamento de Galicia, a nosa casa», escolares da provincia de Ourense foron premiados nas modalidades de debuxo e redacción escolar
  • O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, dixo que a relevancia deste acto está nos seus protagonistas, «os nenos e nenas, para que coñezan e valoren a importancia do noso Estatuto»
Entrega dos III Premios Estatuto de Galicia

Entrega dos III Premios Estatuto de Galicia

 

A Deputación de Ourense entregou hoxe os III Premios «Estatuto de Autonomía para Galicia», nesta ocasión baixo o lema «O Parlamento de Galicia, a nosa casa», coincidindo coa conmemoración do 35º aniversario da norma institucional básica galega. No certame participaron estudantes de centros educativos da provincia de Ourense dos niveis de Infantil, Primaria, Secundaria e Educación Especial, nas modalidades de debuxo e redacción escolar. O acto, que se celebrou no Centro Cultural «Marcos Valcárcel», contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; e o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, ademais de representantes políticos, sociais e institucionais de ámbito provincial, autonómico e estatal.

A Deputación de Ourense, que organiza por terceiro ano consecutivo este certame, é a única institución que rende homenaxe á norma institucional básica galega, «que nos define como nacionalidade histórica e nos deu un importante ámbito competencial», expresou Manuel Baltar no seu discurso. Baltar remarcou que conmemorar o Estatuto de Galicia «é motivo de satisfacción para esta Deputación, e lémbranos a importancia de seguir afondando nas nosas peculiaridades como comunidade autónoma, ademais de permitirnos recoñecer que estamos diante dun texto que nos deu desenvolvemento social, económico e cultural durante todos estes anos», afirmou o presidente do goberno provincial.

«Desde un principio –dixo Baltar-, a Deputación de Ourense, xunto co, daquela, Goberno Civil, na etapa pre-autonómica, foi a única institución galega que publicou toda a normativa que logo deu lugar á arquitectura xurídico-institucional da que hoxe desfrutamos co Estatuto de Autonomía». Tamén agradeceu o presidente provincial a participación dos escolares, dos seus profesores e familias «nunha cita que, co tempo, converterase nun clásico no que nenas e nenos da provincia de Ourense seguirán facendo un recoñecemento para que todos sexamos conscientes da importancia de contar cunha norma tan importante como o noso Estatuto».

Pola súa banda, Miguel Santalices felicitou a Deputación de Ourense por levar a cabo esta iniciativa e dixo que a relevancia deste acto está nos seus protagonistas, «á poboación máis receptiva, os nenos e nenas, para que coñezan e valoren o noso Estatuto». Santalices definiu o Estatuto como «unha Constitución adaptada ás peculiaridades de Galicia, que creou un marco normativo que nos permite desenvolver importantes competencias, contribuíndo a mellorar o benestar da nosa comunidade».

O presidente do Parlamento destacou que este ano «é a primeira vez que o Parlamento entrega a súa Medalla, grazas ao consenso dos grupos políticos, sendo os destinatarios os expresidentes da cámara galega, onde Ourense ten un peso importante, pois desta provincia foron presidentes Victorino Núñez e Tomás Pérez Vidal», sinalou Santalices.

O xurado desta terceira edición do concurso estivo presidido polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, sendo vicepresidente o deputado provincial, Manuel Doval, e vogais un deputado de cada un dos grupos políticos con representación no ente provincial.

O acto contou na súa parte musical coa participación do coro do Colexio Padre Feijoo-Zorelle de Ourense, que interpretou ao comezo o Himno de Galicia e ao remate o Himno Oficial da Provincia de Ourense, «Ourense no solpor». O asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar, condutor do acto, destacou que o xurado na súa acta fixo constar «a alta calidade dos traballos presentados ao concurso, e o importante número de obras na modalidade de redacción».

Os premiados na modalidade de debuxo en Educación Especial foron: o terceiro premio para Juan Manuel Fernández; o segundo premio para Manuel Ricardo Simball, e o primeiro premio para Leandro Manuel Ferreira, alumnos do Centro de Educación Especial «O Pino». Na mesma modalidade de debuxo, en Educación Infantil, os premios foron: o segundo para Carlota Couso e o primeiro para Zoë Coetcee, ambas do Colexio Padre Feijóo-Zorelle, mentres que en Educación Primaria, na modalidade de debuxo, os premios foron: o terceiro para Adrián Garrido, o segundo para Diego Rodríguez, e o primeiro para Noa León, alumnos do Colexio Padre Feijóo-Zorelle.

Na modalidade de redacción en ensino Secundario Obrigatorio, o terceiro premio foi para Cristina Villaverde, o segundo para Yaskel Otero, e o primeiro para Silvia Araújo, do Colexio Sagrado Corazón, do Carballiño.

Todos os premiados foron obsequiados cun diploma, cunha colección de libros e material audiovisual.

También te podría gustar...