Premio Patrimonio 2015 para a recuperación da “Cidade Vella” de Manila, proxecto no que participou a Deputación de Ourense
O proxecto de recuperación da “Cidade Vella” de Manila, no que colaborou a Deputación de Ourense, ven de ser recoñecido co “Premio Patrimonio 2015”, que outorgan as Cidades Patrimonio da Humanidade de España. A Administración de “Intramuros” (Cidade Vella) de Manila recibe o galardón “polo esforzo realizado da protección da arquitectura española colonial en Filipinas”, explica o comunicado do premio.
A Deputación de Ourense participou neste proxecto por medio da arquitecta Eva Reza, especialista en Urbanismo e que integrou a comisión que traballou na recuperación do distrito máis antigo de Manila. Precisamente, o goberno provincial foi elixido pola Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) para participar nesta importante iniciativa arquitectónica de ámbito internacional que tiña como obxectivo a recuperación de “Intramuros”, a cidade amurallada máis antiga de Manila, capital de Filipinas, construída polos españois no século XVI e que constitúe o distrito máis antigo da cidade.
Eva Reza foi a técnica designada para formar parte da comisión solicitada pola administración de Intramuros, a través da Embaixada de España en Filipinas, coa finalidade de estudar e planificar a mellor estratexia de recuperación desta xoia arquitectónica urbanística. Os traballos que realizou a comisión consistiron, en opinión de Eva Reza, “en avaliar o grao de deterioro da cidade vella, planificar as actuacións de rehabilitación e da mellora da mobilidade, e propiciar un espazo urbano de calidade que permita tamén a promoción da actividade económica en Intramuros”.
A colaboración da Deputación de Ourense neste proxecto -realizado por medio da Dirección de Relacións Culturais e Científicas de AECID- naceu do coñecemento por parte de Axencia Española de Cooperación Internacional do labor que ven realizando a institución provincial na defensa e protección da conservación do patrimonio cultural na provincia de Ourense, unido á traxectoria profesional e investigadora de Eva Reza, licenciada na ETSA de Navarra e que conta con másteres en Restauración Arquitectónica, Xardinería e Paisaxismo e Dereito Urbanístico e Medio Ambiente, ademais de ter a certificación Project Manager para desenvolver proxectos de recuperación urbana como o de Manila.
O proxecto consistiu en analizar sobre o terreo o grao de degradación da Cidade Vella -destruída durante a Segunda Guerra Mundial- e definir a estratexia de intervención para a rehabilitación integral desta contorna urbanística.
O Premio Patrimonio 2015, que será entregado en Ávila durante a próxima asemblea das Cidades Patrimonio da Humanidade, valora o mellor proxecto executado en materia de conservación ou restauración de patrimonio histórico español, tendo en conta os criterios de calidade, a execución material e a adecuación ao contexto urbano, así como a súa función de revitalización social do conxunto histórico.