Petín, Larouco e outros 43 concellos de Ourense beneficiaranse da Orde de Infraestruturas de uso público

  • A Orde de Infraestruturas de uso público da Vicepresidencia beneficia a 45 concellos da provincia de Ourense
  • As axudas, publicadas o pasado martes no DOG, ascenden a máis de 1,4 millóns de euros e teñen como principal obxectivo mellorar as condicións de vida das persoas residentes nas áreas rurais
  • Nove proxectos destinaranse á mellora ou optimización enerxética nas redes de alumeado público; seis á ampliación, rehabilitación ou mellora das dependencias da casa do concello e o resto a mellorar infraestruturas ou servizos públicos
Vista de Larouco

Vista de Larouco

 

A máis de 1.434.000 euros ascende o importe das axudas que a Xunta de Galicia destina este ano para subvencionar proxectos de 45 concellos da provincia de Ourense, ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público da Vicepresidencia, publicada o martes pasado no Diario Oficial de Galicia.

As axudas concedidas teñen por obxecto financiar infraestruturas que beneficien directamente aos seus veciños. Así, na provincia ourensá 9 proxectos destinaranse á mellora ou optimización enerxética nas redes de alumeado público; 6 á ampliación, rehabilitación ou mellora das dependencias da casa do concello; e o resto de concellos solicitaron estas axudas para melloras de instalacións deportivas e culturais así como a construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de prazas, paseos, aparcamentos e parques infantís.

A Xunta continúa a desenvolver medidas para potenciar e apoiar a prestación de servizos por parte dos nosos concellos, como Administración máis próxima aos administrados, converténdoos en motores do desenvolvemento económico rexional, co obxectivo último de garantir un equilibrio no territorio galego entre o medio rural e urbano, o interior e a costa que permita o desenvolvemento económico da totalidade do territorio, de tal xeito que a cidadanía galega teña unhas óptimas condicións de vida, con independencia do seu lugar de residencia.

Os concellos beneficiados con esta Orde son: Allariz, A Arnoia, Avión, Baltar, Bande, Baños de Molgas, Beariz, Os Blancos, Calvos de Randín, Cartelle, Castro Caldelas, Celanova, Chandrexa de Queixa, Coles, Cualedro, O Irixo, Larouco, Lobios, Maceda, Manzaneda, Melón, Muíños, Nogueira de Ramuín, Oímbra, Paderne de Allariz, Padrenda, Parada do Sil, O Pereiro de Aguiar, Petín, Piñor, Pontedeva, Porqueira, Rairiz de Veiga, Ramirás, Ribadavia, Riós, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, Sandiás, Sarreaus, Toén, Trasmiras, Vera, Vilar dos Santos e Vilardevós.

Para a execución destes proxectos cóntase co cofinanciamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), a través dos fondos incluídos no Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020. As axudas económicas concedidas financian o 80% do orzamento da obra ou equipamento que se vai realizar, co límite de 40.000 euros para as solicitudes individuais de concellos e 50.000 euros para as solicitudes formuladas conxuntamente por varios concellos e para as presentadas por concellos resultantes dun proceso de fusión municipal constituída nos últimos 5 anos.

También te podría gustar...