Ourense acolle esta fin de semana actuacións de títeres e de novo circo como as primeiras citas de ‘Cultura no Camiño’ na cidade
‘Cultura no camiño’ chega esta fin de semana a Ourense coas actuacións mañá sábado día 16 da compañía galega Títeres Viravolta, na praza de San Martiño, e o domingo 17 do colectivo de novo circo Culturactiva, nos xardíns Padre Feijoo. As dúas citas serán as primeiras na cidade deste circuíto cultural e de lecer organizado pola Xunta de Galicia e os concellos participantes.
A proposta de monicreques ‘A caixa de música’, a última produción de Títeres Viravolta, será a que utilizará como escenario a praza de San Martiño, onde a partir das 21.00 horas se representará este espectáculo, de gran atractivo visual pola iluminación que se emprega a través de cores reflectidas sobre a luz negra.
Ao día seguinte, domingo 17 de maio, o novo circo ocupará ás 18.00 horas os xardíns Padre Feijoo da man do colectivo Culturactiva (do que forman parte formacións como Circo Expreso, Os Sete Magníficos máis Un, Roi Sixto, Trasno, Fredi ou Peter Punk, entre outras) e a selección de números circenses que se executan baixo o título ‘Pistactiva: combinado de circo galego’. Trátase dun espectáculo dobre, de 90 minutos de duración, que mestura clown, malabares, acrobacias e aéreos.
Recital con guitarra e concerto-baile
A programación continuará o 6 de xuño co concerto de Palito, nome artístico da pontevedresa Alba Redondo, quen interpretará unha escolma de composicións da súa autoría co acompañamento á guitarra de Javier López de Guereña ‘Zahori’. O recital terá lugar ás 21.00 horas, de novo na praza de San Martiño, anexa á catedral ourensá.
‘Cultura no Camiño’ despedirase de Ourense o 24 de xuño co grupo de música tradicional galega Pesdelán, que ofrecerá un concerto-baile no recinto da alameda ás 19.00 horas para lle convidar a toda a familia a sentir a cultura popular galega. Así, mediante a música en vivo e o ensino de bailes e xogos sinxelos ao público presente, Pesdelán pretende recuperar o espírito participativo das festas populares e integrar nel a todas as persoas, con independencia da idade, condición física ou experiencia.