Os nenos e nenas dos campamentos de verán de Quiroga visitan unha adega

 

Coñecer a cor dos viños de Quiroga, o seu olor e os matices do seu sabor a través de lambonadas foi algunha das cousas que aprenderon os nenos e nenas dos campamentos de verán na súa visita a adega Atrium Vitis.

Durante unha hora, o martes dous grupos e o mércores outros dous, visitaron a adega para coñecer o mundo do viño e a viña. Moitas cousas xa sabidas por ser Quiroga zona vinícola pero outras moitas novidades para os máis pequenos que remataron a visita cun agasallo, unha botella de viño co seu nome que non poderán degustar pola súa corta idade pero si poderán gardar de recordo.

Esta actividade estaba enmarcada dentro da folla de ruta dos campamentos de verán que o Concello de Quiroga organizou para este verán e no que participan 40 nenos, mantendo unha lista de espera por non poder ter máis de dez nenos cada grupo. Os outros produtos destacadas da nosa localidade como o mel e o aceite tamén terán o seu oco dentro dos campamentos.

Repaso escolar, deporte e xogos nos parques infantís e cando o tempo o permite xogos e natación nas piscinas municipais son as actividades diarias que se complementan con obradoiros de ioga, hixiene bucal, baile galego, música ou inglés entre outros.