Os indicadores turísticos recollidos no Plan Integral de Turismo de Galicia superan xa os obxectivos que estaban fixados para o 2016

Obxectivos do Plan de Integral de Turismo de Galicia

 

Turismo de Galicia celebrou unha reunión de seguimento do Plan Integral de Turismo de Galicia presentado a principios deste ano polo Goberno da Xunta de Galicia como folla de ruta do sector turístico ata o 2016.

No encontro abordáronse os obxectivos estratéxicos sectoriais plasmados no devandito Plan estratéxico. Así, tal e como se expuxo na reunión, puido verse como moitos deles xa foron superados no que vai deste ano 2014 e como outros moitos están a punto de ser acadados.

Un dos principais obxectivos marcados no Plan foi o relacionado co turismo internacional. O número de viaxeiros internacionais que elixiron os establecementos regrados de Galicia nos últimos 12 meses acadou a cifra de 1.035.234, superando así o obxectivo previsto para 2016 dun millón. Así mesmo, o gasto total dos turistas internacionais nos últimos 12 meses foi de máis de 855 millóns de euros, superando a cifra obxectivo dos 836 millóns que establece o Plan.

En canto á cifra de viaxeiros aloxados en establecementos regrados, nos doce últimos meses acadou os 3.987.343, situándose moi preto dos 4 millóns establecidos polo Plan. Así, de manterse a tendencia crecente dos últimos seis meses é previsible que no 2014 se acade dito obxectivo.

Outra das metas estratéxicas de Turismo de Galicia céntrase no tempo que o visitante está aloxado nun establecemento. Nos establecementos regrados, a devandita estadía media do último ano é de 2,13 noites, situándose preto dos 2,5 días establecidos como horizonte; un obxectivo moi ambicioso, dado que a estadía media é a primeira variable que se resinte ante situacións económicas non favorables.

En canto aos indicadores turísticos, durante a reunión destacouse o número de peregrinos que recibiu Compostela desde xaneiro a outubro, o cal aumentou un 10,5% en relación ao mesmo período de 2013. Este incremento é superior no mercado internacional, que experimenta unha notable suba do 13%, constituíndo xa o 52% dos peregrinos que reciben acreditación. O principal camiño, o Camiño Francés, creceu nun 7%, mentres o global do resto das rutas aumentou nun 18,6%. Deste xeito realizaron a ruta do Camiño Francés o 68% dos peregrinos con Compostela, o que demostra a diversificación das mesmas, ao ter aumentado o peso do resto dos camiños.

Tamén o número de turistas aloxados nos establecementos regrados de Galicia no acumulado ata setembro foi sinalado durante o encontro ao experimentar un aumento do 6,5%. Estes resultados débense ao bo comportamento da demanda, principalmente nos últimos 6 meses. O comportamento do mercado internacional é aínda máis positivo, cunha suba do 15,2%. A ocupación media hoteleira tamén aumentou en 1,26 puntos.

No que se refire aos plans de accións, durante a reunión de seguimento constatouse que as porcentaxes de execución superan as previstas para o primeiro ano de implantación do Plan.

Deste xeito, accións cuxo comezo estaba fixado no Plan para o segundo semestre deste ano 2014 contan xa con porcentaxes considerables de execución. Exemplo disto é o plan de acción encamiñado á redución do impacto medioambiental global e a pegada ecolóxica das actividades turísticas, do que xa se executou un 18% con accións como o convenio firmado co Clúster de Turismo de Galicia. Tamén o baseado na promoción para o impulso do turismo interno e turismo de proximidade, cun 12% de execución con accións como o Outono Gastronómico, De Tapas por Galicia ou as Rutas de Artesanía.

Así mesmo, plans de acción como o centrado na promoción e apoio á organización de iniciativas de turismo deportivo para a captación de novos fluxos turísticos en tempada baixa, previstos para comezar no ano 2016, xa foron posto en marcha. Neste caso levouse a cabo xa un 18% do mesmo, con accións como a primeira Travesía Náutica Xacobea, os circuítos de golf Cenor Camiño de Santiago e V Open Rías Baixas, a Pantin Classic e o Marisquiño.

Como conclusión da reunión, Turismo de Galicia acordou modificar á alza os obxectivos marcados a tres anos no Plan Integral de Turismo de Galicia que xa foron superados.

También te podría gustar...