Inauguracao-Eurocidada-25

 

Os cidadáns da eurocidade Chaves-Verín poderán participar este ano no programa de “Termalismo saudable” 2015, unha iniciativa que promove e desenvolve a Deputación de Ourense e que ten como obxectivo dar a coñecer o termalismo e o potencial que este recurso de ocio e saúde ten na provincia de Ourense. A Xunta de Goberno da institución provincial aprobou hoxe as bases reguladoras do concurso para a concesión de subvencións para o fomento do termalismo saudable e a cultura termal, tendo como finalidade o fomento do ocio saudable nas instalacións balnearias da provincia. Os establecementos nos que a partires do mes de febreiro –dous meses antes que na convocatoria de 2014- poderán os usuarios realizar as estancias balnearias e tratamentos subvencionados son os balnearios de Baños de Molgas, Carballiño, Arnoia, Laias, Lobios e Cortegada (que se incorporará este ano á oferta balnearia).

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, afirma que este programa  forma parte do Plan “Ourense, a provincia termal”, que a Deputación está a desenvolver conxuntamente coa Xunta de Galicia “para poñer en valor a nosa riqueza termal e impulsar un dos sectores económicos estratéxicos da provincia”. Baltar considera que as instalacións balnearias da provincia de Ourense, as súas contornas e os importantes recursos culturais, naturais e gastronómicos de que dispoñen as comarcas onde se sitúan “falan da potencialidade deste sector, que converte á nosa provincia nun referente europeo e mundial para o turismo de saúde”.

Unha das novidades do programa deste ano é que poderán adscribirse ao mesmo os residentes na eurocidade Chaves-Verín. Esta identidade é coherente coa asunción do concepto das eurocidades europeas, que Ourense ten a fortuna de ter representada na Eurocidade Chaves-Verín, unha identidade xurídica que facilita o recoñecemento da dimensión transfronteiriza como ferramenta para aproveitar as oportunidades que esta situación de privilexio xeográfico concede aos residentes en ambos lados da fronteira para que poidan beneficiarse das iniciativas, neste caso sociais, desenvolvidas dende a Deputación de Ourense.

Nesta edición póñense en marcha diferentes liñas de subvencións co obxectivo de impulsar novos produtos que xeren fidelización e desestacionalización, ampliando o coñecemento do sector para a provincia de Ourense. As bases contemplan dúas liñas de subvención: a primeira, ten como obxectivo fomentar o uso dos servizos dos balnearios polas persoas adultas que superen os 50 anos de idade, para incentivar o ocio saudable destas persoas, contribuíndo así a incrementar a súa calidade de vida e benestar, ao tempo que se incide no desenvolvemento e maior coñecemento do termalismo provincial. A segunda liña potencia a cultura termal, nun afán de divulgar este concepto, facilitando o goce do sistema do benestar termal para todas as idades.s de estancias e tratamentos

O programa deste ano contempla estancias balnearias financiadas nos balnearios da provincia de Ourense de 6 días de duración (5 noites) de luns a sábado (en réxime de habitación dobre compartida. Inclúe pensión completa, dez técnicas balnearias, revisión médica dos beneficiarios á súa chegada e programa de animación social). Unha segunda modalidade de estancia inclúe viaxe en tren: neste programa, ademais do acceso á subvención como no anterior, aos beneficiarios facilitaráselles a obtención dos billetes de tren (ida e volta) dende algunha das “estacións termais” que participan no programa, recollidas no convenio subscrito entre Deputación de Ourense e Renfe e, se é o caso,  as súas addendas ata a estación de Ourense. Pola súa banda, os balnearios proporcionan servizos como traslados (ida e volta) dende a estación de Ourense ata os balnearios seleccionados e rutas culturais.

Asemade, existe unha modalidade de estancias balnearias para grupos de aló menos dez persoas. Neste caso a solicitude deberá ser tramitada por unha entidade.

En canto aos tratamentos balnearios (sen estancia no establecemento), financiarase o uso de técnicas balnearias e a realización dunha revisión médica do beneficiario no primeiro día da súa chegada ao balneario. Haberá tamén un programa de “Cultura Termal”, que contempla estancias de fin de semana nos balnearios (2 días de duración, de sábado a domingo), incluíndose pensión completa e técnicas balnearias para os adultos, estancia e programa de ocio para nenos acompañantes menores de 12 anos de idade.