Obradoiro de Emprego Arquivo Dixital-TIC en Monforte

  • O Alcalde visita ós alumnos e alumnas que comezaron a traballar na Escola taller da Pinguela
  • Formaranse neste obradoiro municipal 20 alumnos e alumnas cuxo obxectivo “será dixitalizar, informatizar e automatizar o patrimonio documental de carácter histórico do Concello de Monforte de Lemos, fomentando e dando a coñecer o arquivo histórico deste Concello, mediante a aplicación das TICs e impulsando a administración electrónica” indicou o Alcalde
  • O rexedor municipal apuntou que “con este obradoiro de emprego creamos 24 postos de traballo durante 9 meses; o grupo estará formado por 20 alumnos e alumnas, 2 docentes, un director e unha administrativa”
  • Unha vez rematado o obradoiro, destacou o Alcalde, “como mínimo 2 alumnos van ter a posibilidade de formalizar contratos de traballo en prácticas, a xornada completa e durante de 3 meses en empresas de Monforte. Para elo, as empresas terán un incentivo á contratación de 1.500 € por empresa, para favorecer a inserción laboral dos participantes nestes programas no mercado de traballo”

 

O Alcalde, José Tomé Roca, visitou ós 20 alumnos e alumnas que participan no Obradoiro de Emprego Arquivo Dixital-TIC, que se celebra dende o pasado día 15 nas instalacións da Escola Taller da Pinguela, rehabilitada nos dous obradoiros de emprego municipais anteriores, e que agora pasa a ser o lugar de traballo deste novo obradoiro.

Na visita, o Alcalde estivo acompañado polo director deste novo obradoiro municipal, pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria  Prada e o concelleiro de Servizos, José Luís Losada. O obradoiro, que conta cun orzamento próximo ó medio millón de euros, está promovido polo Concello de Monforte e subvencionado pola Consellería de Emprego e Igualdade, e a propia administración municipal. A Consellería aporta uns 370.000 euros, mentres que a inversión do Concello será de máis de 100.000 euros.

 

Novo Obradoiro de Emprego sobre dixitalización

O novo Obradoiro de Emprego posto en marcha polo Concello leva por título “Obradoiro de Emprego Arquivo Dixital-TIC’s”.

Concretamente, formaranse nel 20 alumnos e alumnas cuxo obxectivo “será dixitalizar, informatizar e automatizar o patrimonio documental de carácter histórico do Concello de Monforte de Lemos, fomentando e dando a coñecer o arquivo histórico deste Concello, mediante a aplicación das TIC`s e impulsando a administración electrónica” indicou o Alcalde.

Deste xeito, iniciaranse os traballos coa xestión documental do Arquivo Municipal, así como outra documentación local, fotográfica e bibliográfica sobre temas referidos á cultura e á historia monfortinas.

As tarefas a desenvolver incluirán a captura dos documentos orixinais, a súa edición e implementación de metadatos coa finalidade de cargar estes arquivos no repositorio documental do Concello de Monforte de Lemos.

O rexedor municipal apuntou que “con este obradoiro de emprego creamos 24 postos de traballo durante 9 meses; o grupo estará formado por 20 alumnos e alumnas, 2 docentes, un director e unha administrativa”.

Os alumnos formalizaron co Concello un contrato para de formación, aprendizaxe e traballo, a xornada completa durante nove meses, nos que percibirán un soldo equivalente ó salario mínimo interprofesional de cada momento, máis a parte proporcional das pagas extras.

En concreto, recibirán formación teórica-práctica na especialidade de Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos e aqueles que finalicen con éxito a formación obterán o certificado de profesionalidade nesta especialidade.

“Unha vez rematado o obradoiro”, destacou o Alcalde, “alomenos 2 alumnos van ter a posibilidade de formalizar contratos de traballo en prácticas, a xornada completa e durante de 3 meses en empresas de Monforte. Para elo, estas empresas contarán cun incentivo á contratación de 1.500 € por empresa, para favorecer a inserción laboral dos participantes nestes programas no mercado de traballo”.

 

Mellorar a empregabilidade

Durante a visita, José Tomé destacou que “con este proceso formativo queremos contribuír a mellorar a vosa empregabilidade para que teñades máis posibilidades de inserción no mercado laboral. O noso obxectivo era crear emprego para as persoas que, lamentablemente, estabades sen traballo.”

O Alcalde tamén subliñou que os obradoiros de emprego son moi positivos “posto que axudan ós Concellos a levar a cabo proxectos que, sen este mecanismo, sería moi difícil de podelos levar á práctica. Ademais, fomentan o emprendemento”.

Con este tipo de obradoiros, o Concello de Monforte contribúe á mellora da empregabilidade de alumnos interesados de acceder con formación ó mercado laboral e da solución á demanda das empresas de persoal laboral cualificado.

O obxectivo final é que estes alumnos poidan quedarse definitivamente nas empresas que os están a contratar, logo da súa formación no obradoiro de emprego.