‘O que arde’, película máis vista en galego, proxectarase en Folgoso do Courel

  • O Concello de Folgoso do Courel leva o Cine na rúa este verán coa proxección de ‘O que arde’
  • A sesión terá lugar o sábado 22 de agosto na Praza do Concello ás 22:00 horas
  • Ao rematar a película haberá unha charla-coloquio co director, Oliver Laxe

O Concello de Folgoso do Courel leva o Cine na rúa este verán coa proxección ao aire libre do filme galego ‘O que arde’, protagonizado por Benedicta Sánchez.

A sesión terá lugar o sábado día 22 de agosto na Praza do Concello da localidade. A apertura de portas será ás 21:00 horas. A película será presentada polo seu director, Oliver Laxe ás 21:45 horas e dará comezo ás 22:00 horas.

Ao remate da proxección haberá unha charla coloquio co seu director.

Os organizadores do evento encargaranse de que se cumpran todas as medidas de seguridade e normas de hixiene que impoñen as autoridades sanitarias para que a sesión sexa completamente segura.

O que arde

O que arde é unha película de 2019 dirixida por Óliver Laxe e coescrita por Laxe e Santiago Fillol. Desenvólvese nunha zona rural de Galicia e aborda o problema da desaparición do medio rural por mor dos incendios forestais. O reparto está formado por actores non profesionais da serra de Ancares, e está protagonizada por Amador Arias no papel de Amador Coro, un pirómano que sae de prisión despois de ser condenado como responsable dun incendio, e Benedicta Sánchez no papel de  Benedicta, a súa nai, interpretación que a faría gañadora do premio Goya á mellor actriz revelación.

É a película máis vista en galego, con máis de 62.500 espectadores nos cinemas despois do seu lanzamento.

Cine na rúa

Cine na rúa (www.cinenarua.com) nace como proxecto para promover a e difundir o cinema feito en Galicia. Comezaron pola proxección de curtas para seguir despois polas longametraxes e a produción de eventos en múltiples cidades, espazos e recunchos, sen perder a orixe.

 

 

También te podría gustar...