O programa ‘Ler conta moito’ de Cultura e Educación chega A Veiga en agosto e a outros 14 municipios de toda Galicia para impulsar a lectura

image_galleryO programa ‘Ler conta moito’ de Cultura e Educación chega A Veiga en agosto e a outros 14 municipios de toda Galicia para impulsar a lectura.

O programa ‘Ler conta moito’ da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria percorrerá desde hoxe e ata finais de agosto as bibliotecas e axencias de lectura de 15 concellos galegos para lle achegar o libro e a lectura a toda a cidadanía. Ao longo deste mes, o programa realizará un total de 29 actividades en centros da Rede de Bibliotecas de Galicia dos municipios de Verín, Valga, Carnota, A Coruña, Riós, Celanova, A Veiga, Bande, Pantón, Coirós, Carballo, Redondela, Ponte Caldelas, Xove e A Baña.

Coa colaboración dos concellos, este programa de dinamización da lectura promovido polo departamento da Secretaría Xeral de Cultura ofrecerá sesións de obradoiros creativos, contacontos, espectáculos de danza, teatro e maxia, e actividades que teñen a música como protagonista, todas elas destinadas a achegarlle a lectura á cidadanía dun xeito lúdico e participativo.

Creatividade e narración oral
Con esta programación, mozos e nenos poderán darlles vida aos personaxes dos contos coa técnica do stop-motion, aprender a escribir con materiais propios da época romana co obradoiro ‘Scripta’, coñecer hábitos saudables na alimentación co contacontos teatral ‘Aventuras na cociña’, de Trinketrinke Teatro, ou compartir as narracións escoitadas por unha exploradora nas súas expedicións polo mundo en ‘A orixe’, con Raquel Queizás.

Durante o mes de agosto, os máis novos tamén terán ocasión de coñecer con ‘Ler conta moito’ a vestimenta dos devanceiros e as pezas do traxe tradicional da man de Montse Rivera no obradoiro ‘Contoche un traxe’, de achegarse aos segredos dunha representación teatral co obradoiro de Teatro Buratini ‘O lapis máxico’, de crear personaxes e mundos imaxinarios no obradoiro ‘Imaxinando minchapas con Pichük’, a cargo do ilustrador Manel Cráneo, ou de iniciarse no manga cun obradoiro de banda deseñada xaponesa, impartido por GoChi.

Maxia e música para viaxar pola lectura
A maxia tamén estará presente nas bibliotecas durante as próximas semanas, con actividades como ‘Chrystyan Magic na senda da serpe alada’, na que este mago lles descubrirá ás nenas e aos nenos a ilusión e a fantasía que se esconde en todos os libros e na lectura só con deixar voar a imaxinación e poñer en práctica a súa creatividade. Tampouco faltará a música, a través de propostas como ‘Brinca vaia!’, de Paco Nogueiras; ‘Palabras percuDitas’, un espectáculo que combina a narración de historias co ritmo da música de diferentes instrumentos de percusión; ou ‘Cocer e cantar’, na que dous músicos metidos a cociñeiros prepararán unha riquísima sopa de música, cantigas e contos, a cargo de Seisdedos.

Todas as actividades, de carácter gratuíto, son difundidas a través da rede no blog de ‘Ler conta moito’http://blogs.xunta.es/lercontamoito/

Máis de 700 actividades en 144 concellos
Desde o pasado mes de marzo e ata final de ano, a terceira edición de ‘Ler conta moito’ programará un total de 711 actividades nas 192 bibliotecas e axencias de lectura que participan nesta iniciativa, pertencentes a 144 concellos das catro provincias galegas. Na Axenda de Cultura de Galicia, en www.cultura.gal, está accesible a información sobre cada unha das actividades que conforman este programa.