Un total de 34 mozos e mozas galegos realizarán este ano prácticas laborais en cinco países europeos grazas ao proxecto “DIGAL”

alberto nunez feijoo preside a reunion do consello da xuntaUn total de 34 mozos e mozas galegos realizarán durante dous meses prácticas laborais non retribuídas en cinco países europeos (Portugal, Italia, Irlanda, República Checa e Francia) grazas ao proxecto “Dinamizando Galicia” (DIGAL), aprobado ao abeiro do programa Erasmus +, acción clave 1 (mobilidade das persoas por motivos de aprendizaxe).

A directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participou onte nunha sesión formativa cos participantes no primeiro grupo de envío desta iniciativa.

Os beneficiarios son mozos e mozas de entre 18 e 30 anos recentemente titulados en ciclos medios de formación profesional, e nos cursos de formación ocupacional, accións formativas e programas de cualificación profesional inicial dos sectores agrícola e forestal, hoteleiro, turístico, servizos básicos á comunidade (incluída a atención á dependencia emaiores), tecnolóxico e administrativa de base.

En particular, os participantes foron seleccionados entre o alumnado dos últimos cursos destas especialidades dos centros que integran o consorcio deste proxecto. Este consorcio, coordinado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, está formado por: tres centros educativos (o IES Lamas de Abade de Santiago, o IES A Pinguela de Monforte de Lemos e o IES Monte Castelo de Burela); o centro de Estudos Gastronómicos da Coruña; os centros de formación agroforestal dependentes da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes (Guísamo, Becerreá, Sergude, Ribadeo, Monforte de Lemos e Lourenzá); e os centros de formación ocupacional e de accións formativas dependentes da Dirección Xeral de Emprego e Formación da Consellería de Traballo e Benestar (Bueu, Ferrol, Viveiro, Lugo, Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia de Santiago, Ames, Negreira, Melide e Monforte).

A iniciativa conta cun orzamento de preto de 280.000 euros para 2015 e 2016, e inclúe un total de 56 prazas para as dúas anualidades: 15 en Portugal, 15 en Italia, 10 en Irlanda, 10 en República Checa, e 6 en Francia.

A bolsa cubre os gastos de aloxamento, cursos de preparación cultural e lingüística, seguro de responsabilidade civil, unha axuda para os gastos da viaxe e para os gastos de manutención.

Segundo destacou a directora xeral de Xuventude, “Digal” ten por finalidade de apoiar a formación da mocidade galega mediante a mellora da súa empregabilidade, favorecendo a adquisición de novos coñecementos, habilidades, capacidades e cualificación para facilitar a súa inclusión no mercado de traballo. “O obxectivo é que poidan constatar unha práctica formativa no estranxeiro como parte do currículo”, apuntou.

Ademais do currículo, estes programas facilitan tamén a mellora das competencias idiomáticas, que se poida coñecer outra organización do traballo, detectar novos sectores empresariais para implantar en Galicia, así como novas posibilidades de internacionalización para empresas galegas.

Neste sentido, Vázquez considerou que a mobilidade “nacional e europea” é un elemento fundamental na formación da mocidade, tanto pola experiencia adquirida como pola aprendizaxe dun idioma estranxeiro, o que lles aporta “un valor engadido” á súa formación e “pode proporcionar máis oportunidades de emprego”. Ao respecto, lembrou que a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado traballa para poñer en marcha medidas que “creen oportunidades de presente e futuro” para os mozos e mozas, de aí que os programas de mobilidade sexan un “dos piares das políticas de xuventude” e un dos once eixos do plan Estratéxico de Xuventude de Galicia 2014-2016, Horizonte 2020.