O Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de mama acadou o seu máximo histórico con máis de 155.000 exploracións no ano 2014

image_galleryO Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de mama da Consellería de Sanidade realizou, durante o ano 2014, un total de 155.336 exploracións a mulleres entre 50 e 69 anos, o que supón 17.974 mulleres máis exploradas que no ano 213.

Segundo informaron hoxe o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Ramón Ares, e o subdirector xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables da Consellería de Sanidade, Jorge Suanzes, este ano o Programa acadou o seu máximo histórico cunha participación do 82,7%, amplamente superior aos estándares europeos de calidade, tanto no valor aceptable (70%) como no desexable (75%).

Por provincias, na Coruña a taxa de participación foi do 83,75%, en Lugo do 82,25%, en Ourense do 82,37% e en Pontevedra do 81,59%. Polo tanto, nas catro provincias acadáronse os obxectivos de participación do programa.

Na gran maioría das exploracións o resultado da mamografía foi a ausencia de lesións sospeitosas, tan só un 2,8% das mulleres exploradas no 2014 (4.383) foron remitidas a unha unidade de diagnóstico e tratamento para complementar as probas realizadas e obter un diagnóstico definitivo. Na provincia da Coruña derivouse ao 2,78% das mulleres, en Lugo ao 3,23%, en Ourense ao 2,55% e en Pontevedra ao 2,82%. O número provisional de cancros diagnosticado é de 635, o que supón que se diagnostican 4,1 cancros de mama por cada mil mulleres exploradas no Programa.