As exportacións galegas medran un 4% no primeiro semestre

alberto nunez feijoo preside a reunion do consello da xuntaAs exportacións galegas medraron nun 4% de xaneiro a xuño con respecto ao mesmo período do 2014, exercicio no que Galicia obtivo o seu segundo mellor resultado histórico, segundo os datos que hoxe fixo públicos o Ministerio de Economía e Competitividade, que indica tamén que no mes de xuño as exportacións galegas subiron un 2,9% con respecto ao mesmo mes do ano anterior.

No tocante á balanza comercial, Galicia suma nos seis primeiros meses do ano un saldo positivo en preto de 1.576 millóns de euros, un 11,1% máis que de xaneiro a xuño de 2014, fronte á media do conxunto de España, que representa un déficit de máis de 11.480 millóns, un 3,4% menos que nos seis primeiros meses do ano pasado.

Os datos amosan o tirón exportador da industria galega, e así, en xuño as vendas ao exterior do sector da automoción creceron un 31,1% con respecto o mesmo mes do ano anterior. Así mesmo, as exportacións galegas de manufacturas de consumo incrementáronse nun 18%, mentres que os bens de equipo rexistraron un incremento das vendas ao exterior en xuño do 0,3%. A especial relevancia destes datos responde a que Galicia xa alcanzou en 2014 o seu segundo mellor rexistro histórico en materia de exportacións.

Neste eido, o Goberno galego puxo este ano en marcha a Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, á que destina 50 millóns de euros para os anos 2015 e 2016 e coa que se busca incrementar as exportacións en máis dun 25% ata 2020, e facer de Galicia un foco de atracción de investimentos especializado en sectores e países concretos.

Dentro desta estratexia enmárcase o Plan Primex, cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 11 de setembro. O Plan suma un millón de euros de orzamento, e centra os seus apoios nas pemes galegas como beneficiarias da actuación. Estas disporán de apoios que cobren ata o 75% do gasto subvencionable de cara a impulsar as primeiras implantacións das empresas no exterior a través de proxectos conxuntos de cooperación que permiten unir esforzos, compartir custos ou desenvolver estratexias de marca.

También te podría gustar...