Chegan os participantes nos campos de traballo do programa ‘Conecta con Galicia’

image_galleryOs participantes da edición deste ano da modalidade de ‘Campos de Traballo’ do programa ‘Conecta con Galicia’ -dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de galegos e que residan no Exterior- aterraron esta mañá no aeroporto de Santiago.

Trátase dunha iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, pola que se pretende que a mocidade residente na diáspora –e xa normalmente nada nos países nos que residen- teña oportunidade de coñecer de primeira man a realidade galega, e atoparse cos seus familiares da outra beira do Atlántico, no marco da Campaña de Verán da Consellería de Traballo e Benestar.
O programa ten como obxectivo fortalecer esas ligazóns que relacionan a estes mozas e mozos coa terra dos seus familiares e que, en moitas ocasións, senten como propia ao mesmo ou superior nivel dos países onde naceran. A iniciativa, para moitos deles e delas, supón ademais a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra dos seus devanceiros, e as xeracións da familia que quedaron na Galicia territorial.

Así, ‘Conecta con Galicia’, permite nas súas dúas modalidades que 174 descendentes de cidadáns galegos podan coñecer a realidade da mocidade galega a través da convivencia e das experiencias que lles acheguen as actividades previstas, e sobre todo da convivencia persoal e humana cos seus coetáneos desta parte do océano, pois a estadía realízase conxuntamente cun colectivo de rapaces e rapazas residentes na Galicia territorial.

Ademais de achegarse a coñecer in situ e en persoa a realidade da Galicia actual, as e os rapaces difunden e espallan esa imaxe entre os seus compañeiros, de maneira que actúan como altofalantes e axentes promocionais privilexiados entre a mocidade natural dos países nos que residen.

Os campos de traballo
A modalidade do programa á que pertencen as e os rapaces que chegaban hoxe a Compostela é a de ‘Campos de traballo’, da que se benefician concretamente 20 mozas e mozos da diáspora, que durante a súa estadía conviven con compañeiros residentes na Comunidade Autónoma. Na edición deste ano 2015, proceden da Arxentina (8), Uruguai (6), Venezuela (2), Brasil (2), Cuba (2).

É unha modalidade concibida para participantes con idade comprendidas entre os 20 e 30 anos, na que desenvolven actividades de colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos, na procura dun maior coñecemento da cultura galega, da mellora ambiental da contorna, e da recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico.

Concretamente, os labores de traballo de campo para esa recuperación realízanos na posta en valor do castro de Portomarín, en Lugo. Mais polas tardes desenvolven un amplo abano de actividades visitando lugares emblemáticos de toda Galicia, como as termas da Chavasqueira en Ourense, o casco vello de Santiago, a vila tradicional de Combarro en Pontevedra, a muralla romana de Lugo, ou as paisaxes únicas da Ribeira Sacra, entre outras.

Asemade, realizan actividades complementarias para facilitar a interrelación entre eles e para coa contorna, tales como bogadas e outras actividades náuticas e deportivas en xeral, actividades de animación, charlas formativas, visitas a lugares e museos de interese antropolóxico, ou mesmo preparación compartida de menús gastronómicos orixinais dos países nos que residen.

Cómpre salientar ademais que precisamente as e os rapaces procedentes da diáspora levan a cabo visitas teatralizadas ao castro, mediante as cales fomentan o coñecemento deste importante vestixio arqueolóxico entre os milleiros de peregrinos que percorren o Camiño Francés e que fan parada en Portomarín.

También te podría gustar...