Inauguracion.plataforma.practicas.extincion.incencios.en.san.cibrao.01

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe no acto de inauguración da plataforma para prácticas de extinción de incendios no Polígono de San Cibrao das Viñas, xunto co alcalde de municipio, Manuel Pedro Fernández, e co presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, Elías Mera.

Esta infraestrutura, única na provincia de Ourense, está equipada para a formación práctica en extinción de incendios en empresas e recintos industriais. O proxecto xurde da colaboración entre a Asociación de Empresarios, a Deputación de Ourense e o Concello de San Cibrao das Viñas.

Segundo expresou Manuel Baltar no acto de inauguración, “esta infraestrutura afonda na idea de cooperación publico e privada para atender as cuestións relacionadas coas continxencias en materia de incendios. Dende hai tempo a Deputación de Ourense ven apostando pola seguridade deste polígono empresarial e proba diso é o equipo de bombeiros que traballa neste recinto industrial, un servizo asumido pola Deputación, e que formará parte, unha vez que se constitúa o Consorcio Provincial contra Incendios, dunha liña de actuación en materia de seguridade que afondará en incrementar os recursos humanos e materiais neste ámbito”. O presidente do goberno provincial dixo que a plataforma hoxe inaugurada “permitirá realizar prácticas e labores formativas para que as persoas que se ocupan de garantir a seguridade das empresas do polígono o fagan nas mellores condicións posibles no que atinxe á seguridade contra incendios neste recinto industrial”.

Pola súa banda, Elías Mera explicou que esta plataforma “fará que a cultura preventiva sexa unha tarefa de proximidade para empresas e traballadores, co que o polígono industrial de San Cibrao das Vilas volve estar á vangarda no cumprimento das normativas de prevención de riscos laborais”.