O Plan «Transforma Ourense», un apoio a emprendedores e empresarios para determinar oportunidades de mercado

1A A A MB e Incyde dic14

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, clausurou esta mañá, acompañado polo presidente da Cámara de Comercio de Ourense, Juan Carlos Parada, e polo director xeral da Fundación Incyde, Javier Collado, o Programa de creación e consolidación de empresas e autoemprego que a Deputación de Ourense, a través do Inorde, levou a cabo conxuntamente coa Cámara e e Incyde no Centro Empresarial Transfronteirizo de Barbadás, e que ofreceu apoio especializado a 18 proxectos empresariais, desenvolvidos por 22 emprendedores, relativos a iniciativas dos ámbitos textil, alimentación, ocio infantil, aplicacións electrónicas, automatismos e viveiros.

Manuel Baltar destacou que este programa, enmarcado dentro do Plan OURENSE 92, forma parte do Plan «Transforma Ourense, «unha importante ferramenta de apoio a emprendedores e empresarios que lles permite ter unha visión global das distintas áreas funcionais da empresa co fin de determinar oportunidades de mercado e desenvolver o plan de empresa ou, de ser o caso, o plan de mellora da súa empresa».

O presidente do goberno provincial subliñou: «Queremos máis Ourense, máis economía, máis emprego e unha provincia cada día máis orgullosa de si, e proxectos e programas como o que reúne aquí a emprendedores e empresarios supoñen un estímulo para o autoemprego e concorda cos obxectivos da Europa 2020, a nova estratexia da UE, que non é outro que un crecemento intelixente, sostible e integrador, promovendo a formación das persoas e facilitando a súa incorporación ao mercado de traballo».

O 60% dos participantes no Programa de creación e consolidación de empresas e autoemprego, que hoxe recibiron os seus correspondentes diplomas acreditativos, son mulleres, segundo destacou Javier Collado, quen anunciou que proximamente presentarase en Ourense un novo proxecto que permitirá englobar e relacionar aos emprendedores que teñen participado en todos os programas do Incyde: unha plataforma que permitirá estar interconectados aos máis de 2.000 emprendedores que desenvolveron os seus proxectos nos viveiros de empresas das cámaras de Comercio, e posteriormente, aos máis de 80.000 que pasaron polos programas de formación do Incyde.

Este é o segundo programa no que se integra a Deputación de Ourense. O pasado mes de maio, o Inorde realizou unha acción formativa para emprendedores nos ámbitos agrícola, gandeiro e forestal da provincia de Ourense, actividades que representan o 30% do PIB ourensán. Nesta ocasión, o programa tivo lugar no Centro de Desenvolvemento de Xinzo de Limia e deu como resultado 19 proxectos empresariais, levados a cabo por 22 emprendedores, relativos a apicultura, castaña, plantas aromáticas, embutidos, forestal e produción de pataca e cereal.