A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias inaugurou en Lugo as xornadas “O leite que fai crecer Galicia”

O selo Galega 100% ofrece aos consumidores un produto de calidade excepcional que mellora a competitividade do sector.

  • A implantación deste distintivo entre a sociedade aumentará o valor engadido deste produto, o que redundará en prezos rendibles para os produtores e accesibles para os consumidores
  • Na apertura destas xornadas tamén estivo presente a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Patricia Ulloa, inaugurou en Lugo as xornadas “O leite que fai crecer Galicia” para as asociacións de consumidores desta vila, onde destacou que o selo Galega 100% ofrece aos consumidores un produto de calidade excepcional que mellora a competitividade do sector.

A titular de Gandaría, que estivo acompañada pola directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, explicou que as 9.500 explotacións leiteiras existentes en Galicia producen leite cun valor de 870 millóns de euros anuais, sendo importante incrementar o valor engadido deste produto e diversificar a oferta, máis aló da produción de leite líquido. Así, continuou, é preciso que o sector adopte todas as estratexias e aproveitar as posibilidades que o mercado lle ofrece.

Neste senso, advertiu que a marca Galega 100% ten precisamente este obxectivo, o de mellorar a competitividade do sector e que os consumidores recoñezan a procedencia deste produto de calidade. Patricia Ulloa reiterou que a implantación deste distintivo entre a sociedade aumentará o valor engadido deste produto, o que redundará en prezos rendibles para os produtores e accesibles para os consumidores.

images (1)Galega 100%
Este selo de calidade identifica o leite e os produtos lácteos feitos con materia prima galega, elaborados e envasados en Galicia. A materia prima que se emprega nos produtos amparados con esta marca procede exclusivamente de explotacións leiteiras que acadan de modo continuado parámetros de calidade superiores aos esixidos pola normativa comunitaria.

Esta marca e a súa xestión é propiedade do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), organismo no que están representadas as industrias lácteas e os produtores de leite.