O ISSGA organiza en Ourense e Lugo dúas xornadas sobre avaliación ergonómica do posto de traballo

xunta de galiciaA Xunta comunicou hoxe mesmo que o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), organismo dependente da Consellería de Traballo e Benestar, organiza nos seus centros en Ourense e Lugo dúas xornadas técnicas sobre a avaliación ergonómica do posto de traballo.

A xornada técnica terá lugar no centro ISSGA de Ourense mañá, día 24 de setembro, e será presentada por Fernando González Abeijón, subdirector xeral técnico e de planificación do ISSGA. Participarán Juan Manuel Rodríguez Lorenzo, técnico do centro ISSGA de Ourense co relatorio “A importancia da avaliación ergonómica”; Mª Félix Villar Fernández, conselleira técnica do Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo (INSHT), cos relatorios “Sabes o que hai que facer nunha avaliación ergonómica?” e “Como abordar a prevención dos trastornos musculoesqueléticos”; e Borja Nóvoa Castro, xefe do Servizo de Prevención Mancomunado do Grupo Coren, co relatorio “Experiencia práctica da ergonomía na empresa”. O peche da xornada correrá a cargo de Ángel López Álvarez, xefe do centro ISSGA de Ourense.

Doutra banda, no centro ISSGA de Lugo terá lugar o xoves, día 25 de setembro, a xornada técnica ‘Avaliación ergonómica. Riscos ergonómicos ligados a carnizarías e peixarías’. Esta xornada será presentada por Manuel Gasalla Regueiro, xefe do centro ISSGA de Lugo, e contará cos seguintes relatores: Mª Félix Villar Fernández, que falará sobre “Sabes o que hai que facer nunha avaliación ergonómica?” e “Como abordar a prevención dos trastornos musculoesqueléticos”; Rocío Seoane Farré, técnica do centro ISSGA da Coruña, que realizará unha presentación sobre “A guía técnica do ISSGA Prevención de riscos ergonómicos. Actividade da distribución de alimentación”; e, por último, María García Díaz, técnica do centro ISSGA de Lugo, que realizará un relatorio sobre “Riscos ergonómicos ligados a carnizarías e peixarías”.

Ademais, en Lugo presentarase a ‘Guía técnica de prevención de riscos ergonómicos na actividade de distribución de alimentación’, así como o documento técnico de riscos ergonómicos ligados a carnizarías e peixarías, ambos elaborados polo ISSGA.

Estas actuacións encádranse dentro do ‘Plan Estratéxico para a prevención de riscos laborais en Galicia 2011-2014’ e do ‘Plan Anual de Actividades do ISSGA’, e forman parte da oferta formativa deste organismo para o ano 2014.

También te podría gustar...