O Incio estrea un punto de recarga para vehículos eléctricos e híbridos de uso público e gratuíto

  • Tamén vén de adquirir un vehículo eléctrico financiado con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia

 

O Concello do Incio vén de estrear un punto de recarga para vehículos eléctricos e híbridos de uso público e gratuíto. A instalación, que conta con dous postes de recarga para usar de maneira simultánea, atópase detrás da Casa Consistorial, nas inmediacións da área de servizo para autocaravanas.
As persoas que desexen empregar este punto de recarga tan só teñen que rexistrarse nunha aplicación a través dun código QR instalado no propio poste. Un mecanismo rápido e sinxelo que permitirá ao Goberno local levar un rexistro do consumo e do número de usuarios e usuarias que o empregan.
Xunto con este novo dispositivo, o Goberno local vén de adquirir un vehículo eléctrico con distintivo ambiental ecolóxico financiado grazas ao Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia.

O novo vehículo vén de ser entregado ao Concello por Talleres Rápido de Sarria e vai ser empregado para actividades de xardinería, e outras relacionadas co medio ambiente, como a supervisión da calidade das augas, e conservación e protección de recursos naturais, patrimonio histórico, cultural, biodiversidade e medio ambiental. No acto de entrega participaron o alcalde, Héctor Corujo, o tenente de alcalde, Ramón Mourelo, e o representante de Talleres Rápido de Sarria, Alberto Varela.

 

Esta furgoneta permitirá dotar ao persoal de servizos múltiples dun vehículo con distintivo ambiental cero emisións e coidadoso co medio ambiente. O vehículo é unha furgoneta Peugeot e-Rifter Allure Pack Long 100KW, con posibilidade de ser utilizada para transporte e carga de mercadorías, así como para o transporte de ata sete pasaxeiros.

Ambas as adquisicións reafirman o compromiso do Concello do Incio co aforro enerxético e coa mellora dos servizos para os veciños e veciñas. O alcalde, Héctor Corujo, explica que

son medidas que, xunto con outras como a renovación da iluminación pública que estamos a levar a cabo, redundarán nunha maior eficiencia enerxética perseguindo sempre un aforro para os consumidores

 

También te podría gustar...