O IGE publica por primeira vez unha estatística sobre os nomes máis frecuentes da poboación por décadas

Instituto Galego de EstadisticaO Instituto Galego de Estatística (IGE) vén de publicar hoxe a ‘Estatística sobre os nomes máis frecuentes da poboación’, a través da cal pódese por primeira vez coñecer a evolución histórica dos nomes en función da localidade, o xénero ou a década (dende antes de 1930 ata a década actual).

A estatística ofrece información relativa aos nomes da poboación que ten fixada a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia, e permite tamén coñecer a distribución comarcal de calquera nome.

Se o usuario realiza unha comparativa entre os nomes máis frecuentes das mulleres na década de 1930 e na de 2010, comprobará que entre os dez máis usados nesas dúas épocas, só un deles coincide e é o de ‘María’. E comprobará tamén que no 1930 ocupaba o segundo lugar, mentres que no 2010 pasou a situarse en novena posición.

Con respecto aos nomes masculinos, a mesma comparativa mostra que entre os dez primeiros máis frecuentes só coincide o de ‘Manuel’, e ao igual que sucedía no caso das mulleres a posición que ocupa na listaxe é moi diferente: o segundo lugar nos anos 30 e o décimo na década de 2010.

Entre os dez nomes de mulleres máis frecuentes na década vixente, destacan aqueles que son curtos, na súa maioría de dúas sílabas como ‘Sara’, ‘Noa’, ‘Carla’ ou ‘Paula’. Todo o contrario do que ocorría en 1930, cando os nomes eran longos coma ‘Purificación’ e compostos, coma ‘María del Carmen’, ‘María Luísa’ ou ‘María Dolores’.

No caso dos homes, na actualidade sobresaen os nomes de orixe bíblica ou cristiá como ‘Mateo’, ‘Pablo’, ‘Daniel’ ou ‘Nicolás’, fronte aos longos e compostos da década dos 30 coma ‘Francisco’, ‘Fernando’, ‘José María’ ou ‘José Manuel’.

Por outra banda, se se amplía a mostra e se teñen en conta os 20 primeiros nomes, pódese ver como na actualidade medra a tendencia a empregar nomes galegos tanto para as nenas (‘Noa’, ‘Antía’, ‘Uxía’ ou ‘Sabela’) como para os nenos (‘Brais’, ‘Iago’ ou ‘Anxo’).

A estatística pódese consultar no seguinte enlace:
http://www.ige.eu/igebdt/esq.jsp?idioma=gl&ruta=onomast/nomdecadas.jsp

También te podría gustar...