image_gallery (4)

 

A Xunta de Galicia apoia a lingua propia do noso país como vantaxe empresarial competitiva nos países de fala portuguesa. No marco do desenvolvemento da Lei 1/2014 para o aproveitamento da lingua protuguesa e vínculos coa lusofonía, o executivo galego contempla na súa axenda de traballo accións estratéxicas de promoción das relacións cos países de fala portuguesa. Unha delas é a campaña Exportar en Galego, impulsada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración coa Federación Galega de Parques Empresariais (FEGAPE), dentro da que se poñen en marcha agora dúas novas ferramentas que o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou esta mañá: a plataforma www.exportarengalego.gal e mais o buscador Paz-Andrade, ambas as dúas orientadas a favorecer o uso do galego na internacionalización das nosas empresas.

Máis de 200 millóns de falantes

García Gómez agradeceu a acollida da Cámara de Comercio de Tui para a celebración do acto e animou o empresariado alí presente a aproveitar, “tanto a interesante información que a plataforma Exportar en Galego e o seu buscador Paz-Andrade lles ofrecen, como a vantaxe que supón contarmos cunha lingua próxima á dos 217 millóns de falantes da lusofonía”. O secretario xeral de Política Lingüística evocou o exemplo do empresario e galeguista Valentín Paz-Andrade, cuxo nome leva o buscador que se presentou hoxe, para asegurar que “o dominio do galego pode favorecer, en países emerxentes cun peso económico cada vez máis importante, esa comunicación áxil e xeradora de confianza que tantas veces é determinante á hora de pechar un negocio”.

No acto, acompañaron a Valentín García o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez; o presidente da Câmara Municipal de Valença do Minho, Jorge Salgueiro Mendes; o secretario da FEGAPE, David Sobral Pidre; o presidente e o vicepresidente da Cámara de Comercio de Tui, os empresarios Gumersindo Alonso Gestoso e José María Fonseca Moretón, respectivamente.