O Festival ‘Pórtico do Paraíso’ de Ourense presenta o programa internacional de oito concertos que desenvolverá do 6 ao 15 de marzo co apoio de Cultura e Educación

image_gallery (2)

 

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria renova en 2015 a súa colaboración co Festival Internacional de Música de Ourense ‘Pórtico do Paraíso’, que desenvolverá a súa oitava edición do 6 ao 15 de marzo coa participación de oitos recoñecidos solistas e grupos do panorama mundial da música clásica.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, acompañou hoxe a Ana Garrido, concelleira de Cultura de Ourense, e a Juan Enrique Miguéns, presidente da Asociación Pórtico Musical, na presentación deste nova entrega do evento, organizado polo Concello ourensán a través do devandito colectivo cultural.

Na súa intervención, Sutil subliñou a consolidación do festival e do seu papel como “plataforma para o coñecemento entre o público ourensán e galego das propostas e intérpretes nacionais e internacionais de éxito no eido da música culta”. Así mesmo, destacou a súa contribución á posta en valor de emblemáticos espazos da cidade das Burgas que son, ao tempo, destacadas pezas do patrimonio galego como a catedral de San Martiño, a igrexa de Santa María Nai, o Museo Arqueolóxico ou a igrexa de Santiago das Caldas.

Programación

Así, a catedral ourensá acollerá o venres 6 de marzo, ás 21.00 horas, o concerto inaugural deste VIII ‘Pórtico do Paraíso’, a cargo do grupo vocal francés Ensemble Jaques Moderne. A programación estenderase á igrexa de Santa María Nai con tres recitais a cargo do dúo español de violas da gamba que integran Fahmi e Rami Alqhai (sábado 7), do estadounidense Paul O’Dette e o seu laúde renacentista (martes 19) e da clavecinista francesa Céline Frisch (sábado 14).

Pola súa banda, o dúo instrumental suízo Ensemble Peregrina presentarase o mércores 11 de marzo no Museo Arqueolóxico, mentres que os italianos Marco Beasley, á voz e ao clavecín, e Guido Morini, ao piano, serán os encargados de pechar a programación deste ano co concerto que ofrecerán o domingo 15 na igrexa de Santiago das Caldas.

Como en anos anteriores, o Teatro Principal súmase tamén ao programa, desta volta como escenario das actuacións do grupo vocal alemán Amarcord (domingo 8) e do cuarteto de clarinetes austríaco Vienna Clarinet Connection (venres 13).

Entrada gratuíta

Agás no caso destas dúas citas no Principal, o resto dos concertos de ‘Pórtico do Paraíso’ son gratuítos. Tamén é de balde a entrada para a exposición ‘Instrumentos musicais con historia’, que permanecerá aberta no Museo Municipal durante a celebración do evento. Laúdes, violas, salterios, arpas ou rabeis son algunhas das pezas procedentes da Colección Emilio Villalba e Sara Marina, de Sevilla, a través da que se ofrecerá un percorrido pola tradición musical da Idade Media.

O programa paralelo desta oitava edición complétase cun encontro co laudista Paul O’Dette o luns 9 e co curso de interpretación de clarinete que impartirán o sábado 14 e o domingo 15 os integrantes do Vienna Clarinet Connection. Ambas as actividades terán lugar no Conservatorio de Música.

También te podría gustar...