O espectáculo do CDG ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ estará no Lauro Olmo en novembro

As laranxas máis laranxas de todas as laranxasO espectáculo do CDG ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ estará no Teatro Municipal Lauro Olmo o vindeiro 21 de novembro.

Esta obra estrenouse onte no Teatro Principal de Ourense cun grande éxito de asitencia.

Baixo a dirección escénica do luso-brasileiro José Caldas e a musical do galego Bernardo Martínez, esta proposta achégalles aos espectadores unha nova ollada sobre a obra de Casares, así como sobre o espectáculo que os devanditos directores deseñaron en 2004 para o CDG e que supuxo a primeira incursión da compañía institucional galega no teatro para público infantil.

A montaxe de 2014 conta cun novo elenco de seis actores e actrices multifacéticos (Alba Blanco Taín, Alberte Cabarcos, Davide González Lorenzo, Ailén Kendelman, Fran Lareu e Laura Villaverde), que coas súas achegas interpretativas e musicais contribúen tamén a enriquecer esta recreación da historia escrita por Carlos Casares e que o propio autor describiu como “un disparate continuo de movemento e fantasía”.

O espectáculo ideado por Caldas reúne nun só acto todas as expresión artísticas, con elementos que van dende a traxedia grega ao teatro popular de rúa de Brasil e Portugal, pasando pola Comedia da Arte e ofrecendo tamén unha homenaxe ao mundo do circo.

Ao tempo, mantense fiel a toda a obra infantil de Casares e mesmo integra de xeito harmonioso o conto ‘A galiña azul’, ademais doutros textos do escritor ourensán que se empregan nas letras das cancións compostas por Bernardo Martínez. Todos estes elementos contribúen a crear o mundo máxico, colorista e absurdo que habitan Anxa e Elías, xunto á Veciña Sabida, a Veciña Desdentada, o Veciño Gordo e o Veciño da Escopeta, e no que teñen lugar unha serie de disparatados acontecementos que dan comezo cando no limoeiro da horta dos protagonistas aparecen unhas enormes laranxas.

También te podría gustar...