O ciclo ‘Xoves de Terraceo’ en Trives chega ao seu fin

  • Agosto está xa esmorecendo e o ciclo ‘Xoves de Terraceo’ na Pobra de Trives chega ao seu fin
 
 
Este xoves, 26 de agosto, rematan as xornadas de lecer musical e de humor que viñeron ambientando a Praza Doutor Paz os xoves dos meses de xullo e de agosto. O ciclo, un ano máis, cumpriu as expectativas de organizadores e de público cunha moi boa asistencia ás actuacións e cumpríndose a normativa sanitaria anticovid. Por sorte, só houbo que suspender unha delas como medida preventiva ante a covid, na que o convidado era o músico coruñés Pablo Balseiro. Esperamos contar con el para a vindeira edición para resarcirnos da súa ausencia este ano.
 
Para poñer remate aos ‘Xoves de Terraceo’ chega hoxe xoves DJ Rafa, un pinchadiscos diferente, xa coñecido por parte do público trivés pois estivo hai uns anos na terraza do Boliche e da Cantina do Catro.
 
 
 
DJ Rafa chega á Pobra de Trives coa súa Discomóbil e cunha selección de temas musicais moi variada, divertida e sorprendente. A partir das 22:00 h. Rafa lembraranos, por exemplo, a figura dunha arista carismática que nos deixou hai pouco, Raffaella Carrà, axeitará o seu repertorio ao público (por se hai cativada nalgún dos momentos da sesión), fará un percorrido por aqueles míticos 80-90 cando a movida Trivesa se esparexía polos diferentes bares e pubs do casco vello antes de subir a altas horas da madrugada ás discotecas Paneque e Nevada, seleccionará grandes hits do verán, e tamén achegará o micrófono ás mesas das terrazas para coller peticións do público. 
 
Unha sesión musical de terraza, tranquila pero moi divertida. Este ano non se pode bailar nin montar troula como outros anos pero iso non será atranco para que dende cada unha das mesas o público pase unha velada moi moi agradable, acompañando as ceas e as consumicións dun fondo musical que nos lembrará grandes momentos das nosas vidas…
 
DJ Rafa conta cunha longa traxectoria como técnico de son, locutor e pinchadiscos, traballou moitos anos na SER e actualmente é o responsable da emisora dixital Radio Monforte. Chega a Trives da man de Hermanager Producións.
 
 

También te podría gustar...