folions

 

O blogtrip organizado por Turismo de Galicia para promover os Entroidos Galegos, pasa hoxe por Viana.

Un grupo de nove blogueiros, fotógrafos e xornalistas especializados en información turística comezan hoxe unha viaxe de familiarización organizada por Turismo de Galicia co obxectivo de promover o Entroido galego, especialmente aqueles declarados de interese turístico.

Nesta viaxe, que se estenderá ata o vindeiro martes día 17, os blogueiros e os profesionais da información turística poderán coñecer os entroidos da Comunidade galega e participar nos principais eventos que terán lugar estes días, especialmente nos relacionados con aqueles declarados de interese turístico.

O programa da viaxe comezou onte en Ourense, onde os participantes poderán coñecer os principais recursos termais da cidade, ademais dun dos entroidos urbanos con maior participación.

Hoxe os blogueiros e profesionais da comunicación que participan nesta viaxe de promoción organizada por Turismo de Galicia estarán no desfile de Entroido da vila de Verín e logo trasladaranse ata Viana do Bolo para participar na Festa da Androlla e coñecer así os personaxes e o ambiente entroideiro deste concello ourensán.

O luns estarán no Entroido de Laza, onde participarán nos actos do Luns borralleiro. Este día visitarán tamén un taller artesanal no que realizan as carautas de cigarrón, en Verín, así como unha adega da Denominación de Orixe Monterrei.

Así mesmo, no mesmo luns, os blogueiros e xornalistas que participan nesta viaxe de familiarización tamén visitarán a Vila de Xinzo de Limia.

Por último, o martes, os participantes no blog trip achegaranse ata o concello pontevedrés de Vilaboa para participar no Entroido de Cobres.

Nove blogueiros, fotógrafos e xornalistas especializados

Polo que respecta á participación no blog trip organizado por Turismo de Galicia disfrutarán desta viaxe a redactora e un fotógrafo do blog especializado en viaxes A World to travel, a redactora e o fotógrafo do blog Vivir Galicia, o redactor e a fotógrafa do blog de viaxes Macbeth, e os redactores dos blogs Cocido Day e Máis grelos.

Ademais, participarán tamén o director da publicación turística online Expresso e o xornalista free lance Javier Mazorra, colaborador, entre outros medios de comunicación, na emisora Onda Cero, no programa Gente Viajera.