‘Non debemos esquecer o noso mercado nacional’, Ángel Bernardo na visita a mina ‘La Fraguiña’ sita en Carballeda de Valdeorras

  • A Xunta e o clúster promoverán as exportacións e a utilización da lousa no mercado nacional
  • O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, visitou onte a mina ‘La Fraguiña’, no municipio ourensán de Carballeda de Valdeorras
  • O sector, que ten nos mercados estranxeiros aos seus principais compradores, aumentou as súas exportacións nun 26,8% no primeiro trimestre do ano
  • O novo acordo inclúe a elaboración e publicación dun estudio que avalíe as vantaxes da lousa galega
  • O Plan Renove permitirá en 2016 impulsar a renovación con este material de 450 fachadas de edificios de vivendas e dar traballo a 700 profesionais
La Fraguiña, cafersa.com

La Fraguiña, cafersa.com

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, visitou onte a mina de lousa La Fraguiña, no municipio de Carballeda de Valdeorras, onde destacou o traballo conxunto que desenvolverán a Xunta e o Clúster da Pizarra de Galicia para informar da calidade e das vantaxes deste material e, así, impulsar as vendas no mercado español, pois na actualidade o 95% da produción expórtase ao estranxeiro.

O sector da lousa atravesa unha etapa de crecemento. Segundo os datos do Clúster do Granito, en 2015 Galicia consolidouse como a rexión máis exportadora de España, concentrando o 85% da produción. Así, a facturación aumentou un 15% en comparación co 2014, ata alcanzar os 242 millóns de euros de volume final. E no primeiro trimestre de 2016 as cifras confirman de novo esta tendencia positiva, pois as exportacións desde Galicia incrementáronse nun 26,8% con respecto ao mesmo período do ano pasado, segundo os datos publicados polo Ministerio de Economía. Este crecemento é aínda maior na provincia de Ourense, onde as exportacións medraron un 67% en comparación cos primeiros tres meses de 2015.

“O 95% da nosa produción expórtase a países como Francia, Reino Unido, Alemaña, Bélxica e Irlanda, pero non debemos esquecer o noso mercado nacional”, indicou o director xeral de Enerxía e Minas. Baixo esta premisa, a Xunta, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, colaborará co Clúster do Granito para promover as exportacións e o uso deste produto dentro do mercado nacional.

Durante a visita á mina La Fraguiña, da empresa Cafersa, pertencente ao grupo Rathschek, Bernardo Tahoces destacou a importancia de acadar este tipo de acordos co Clúster, posto que se trata dunha entidade que representa á maior parte das empresas de lousa de Galicia: “O Clúster integra tanto á Fundación Centro Tecnolóxico da Pizarra como á Asociación Galega de Pizarrista e á Asociación Nacional de Colocadores de Pizarra, polo que case integra a totalidade do sector, abarcando todo o proceso de extracción, elaboración, comercialización e I+D+i, por tanto, toda a cadea de valor da lousa”.

A Xunta e o Clúster do Granito tamén traballarán da man para facer un estudo no que se compare a lousa de compresión tectónica -que é a tradicional en Galicia- coa de compresión litostática, que procede fundamentalmente de Brasil. Bernardo Tahoces recordou que as tectónicas, que se forman en planos ondulados -fronte ás litostáticas, que o fan en planos xeolóxicos horizontais-, son máis resistentes.

Por este motivo, a Xunta quere colaborar na realización deste estudo que permitirá coñecer as vantaxes da lousa galega e que se publicará tanto por vía dixital como en formato en papel coa edición de 3.000 exemplares. Ademáis, celebrarase unha xornada para divulgar as conclusións finais e, deste xeito, lograr que a lousa de Galicia esté mellor posicionada no mercado nacional.

Renovación de cubertas
Para colaborar co sector e fomentar o uso deste material, a Consellería de Economía, Emprego e Industria tamén puxo en marcha este ano unha nova convocatoria do Plan Renove de Lousa, dirixida a familias e comunidades de propietarios interesadas en renovar cubertas e fachadas de edificios de vivendas.

Tras aprobarse 100 proxectos e esgotarse o orzamento de 600.000 euros que estaba previsto, a Xunta incrementará a súa achega con 1,5 millóns máis para as que están pendentes de atender nesta convocatoria. Deste xeito, o Goberno galego dedicará un total de 2,1 millóns de euros para preto de 450 proxectos presentados, co que se aspira a mobilizar arredor de 8,5 millóns e dar traballo a 700 profesionais do sector da lousa en Galicia.

También te podría gustar...