sorteo do VIII Outono gastronómico nas redes sociais de Turismo de Galicia

 

O sorteo de seis Fins de Semana Outono Gastronómico en Turismo Rural de Galicia convocado por Turismo de Galicia na rede social Facebook para promocionar ao longo dos meses de outubro e novembro a oitava edición desta iniciativa, recibiu a participación de 522 persoas de oito comunidades autónomas españolas.

Así, neste sorteo, déronse cita participantes de Andalucía, Asturias, Cantabria, Castela e León, Cataluña, Galicia, Madrid e a Comunidade Valenciana que competiron polos seis premios para dúas persoas postos a disposición dos concursantes de xeito gratuíto por Turismo de Galicia.

O prazo para participar no sorteo rematou esta semana, logo de que os participantes tiveran máis de mes e medio para contestar tres preguntas relacionadas co outono en Galicia e inscribirse no sorteo.

Gañadores

Unha vez rematado o prazo, Turismo de Galicia realizou un sorteo aleatorio no que participaron os 497 acertantes das preguntas formuladas no concurso, resultando gañadores seis persoas residentes en Galicia, concretamente na Coruña –dous agraciados- Maside, Narón, Oleiros e Vigo.

Os gañadores teñen de prazo ata o día 14 de decembro para gozar dos premios que inclúen catro menús outono gastronómico, o aloxamento do venres e o sábado para dúas persoas, así como os almorzos do sábado e o domingo.