La Xunta pone a la disposición de los ciudadanos un nuevo visor geográfico web con información precisa sobre los espacios naturales y la biodiversidad de Galicia

image_gallery

 

A Consellería de Medio Ambiente vén de poñer en marcha un novo visor xeográfico con información completa e detallada sobre a Rede de espazos naturais e da biodiversidade de Galicia que permitirá achegar uns completos contidos sobre estes enclaves de xeito sinxelo a través do enderezo:http://mapas.xunta.es/visores/conservaciondanatureza/ .

A información que proporciona este visor xeográfico é descargable en calquera formato e representa unha aposta da Xunta pola transparencia, ao por á disposición dos cidadáns, de maneira gratuíta, facilmente accesible e intuitiva, información completa sobre os principais espazos naturais de Galicia.

Dese xeito, calquera persoa poderá ter acceso aos datos relativos á superficie dos espazos naturais, ás súas zonificacións concretas, topinimia, coordenadas, referencia catastral, así como aos elementos de flora e fauna que caracterizan eses lugares.

A información organízase por capas, que son combinables entre si, de tal maneira que un usuario pode adaptar a consulta ás súas necesidades e obter, por exemplo, os límites dun parque natural coa información topográfica e sobre a rede viaria que lle dá servizo.

Dentro da información relativa aos Espazos Naturais, os usuarios poden obter información sobre a Rede Natura 2000 que contén as Zonas Especiais de Protección para as Aves (ZEPA), Zonas Especiais de Conservación (ZEC), e a zonificación do Plan Director da Rede Natura 2000.

No apartado da Rede Galega de Espazos Protexidos inclúense os Parques Nacionais e Naturais, os Humidais Protexidos, as Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais, os Monumentos Naturais e as Paisaxes Protexidas.

Fragas do Eume
Este grupo tamén contén a zonificación do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais do Parque Natural das Fragas do Eume. No marco do traballo que se está a desenvolver na planificación proposta para o parque natural das Fragas do Eume, elaborouse unha cartografía do parque coa zonificación que o afecta e as fincas do Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas (Sixpac). Dita cartografía realizouse a escala 1:2.500, co suficiente detalle para a correcta visualización das distintas propiedades.

Con estas medidas trátase de dar resposta a unha antiga demanda da poboación que ten propiedades dentro do parque natural das Fragas do Eume, relativa á necesidade de coñecer as actividades e usos que poden realizar nas súas parcelas segundo a súa localización nas distintas categorías da zonificación do parque natural.

Noutro grupo denominado Outros Espazos Protexidos amósanse os Espazos Privados de Interese Natural (EPIN) e os Espazos Naturais de Interese Local (ENIL). As Reservas da Biosfera (Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo; Terras do Miño; Río Eo, Oscos e Terras de Burón; os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; Área de Allariz e a Reserva Transfronteiriza Gêres-Xurés) teñen o seu propio apartado, onde se poden obter, por exemplo, os datos de superficie.
Así mesmo creouse unha agrupación máis coa información relativa á Biodiversidade, na que atopamos capas de información coa localización das Árbores e Formacións Senlleiras e as Áreas Prioritarias e de Protección da avifauna. Neste grupo tamén se inclúe a delimitación das áreas de presenza, a distribucións potenciais e prioritarias contempladas en varios plans de conservación, recuperación e xestión de especies ameazadas como é o caso do plan de conservación da píllara das dunas, o plan de recuperación escribenta das canaveiras, do oso pardo, do sapoconcho común ou as diferentes zonas de xestión do plan do lobo.

O visor mantén a tecnoloxía desenvolvida polo Instituto de Estudos do Territorio e a Amtega para as diferentes aplicacións de visualización de información xeográfica, dentro do proxecto do Sistema de Información Xeográfica Corporativa de Galicia como é o caso do visor de urbanismo da Xunta e incorpora novas funcionalidades como a descarga de ficheiros, buscas a partir de diferentes referencias xeográficas (toponimia, coordenadas, referencia catastral) e a posibilidade de cargar o servizo WMS do Catastro.

A través das ferramentas de visualización e navegación do visor os cidadáns poderán tamén acceder á cartografía dos espazos naturais de Galicia e buscar elementos de acordo con determinados criterios xeográficos ou temáticos.