• O Salón Internacional de Turismo Gastronómico de España que se celebra en Expourense entre o 3 e o 7 de febreiro contará con 166 expositores

port10O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou esta mañá na inauguración de Xantar 2016, xunto co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o director xerente de Expourense e director de Xantar, Alejandro Rubín; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; e o director de Turismo do Estado de Morelos (México), Sergio Perea. O Salón Internacional de Turismo Gastronómico de España que se celebra en Expourense entre o 3 e o 7 de febreiro contará con 166 expositores.

Manuel Baltar, quen xa formara parte do comité organizador da primeira edición de Xantar sendo delegado provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, dixo que este evento “é unha das feiras máis importantes, singulares e exitosas” de cantas se celebran no panorama galego, e remarcou “o compromiso firme da institución provincial con Expourense, proba do cal é que a Deputación de Ourense pertence ao seu padroado” .

A presenza do Estado de Morelos representando a México como país convidado e a celebración dunha edición especial dedicada ao Entroido, marcarán esta 17ª edición de Xantar. Durante estes días 166 expositores ocuparán 12.000 metros cadrados de superficie entre os que destacan 14 restaurantes que ofrecerán unha vintena de menús con prezos comprendidos entre os 12 e os 30 euros baseados nos produtos autóctonos e de calidade de cada rexión procedentes de México, Portugal e España. Asemade haberá menús infantís e adaptados para celíacos.

Nesta edición estarán presentes expositores e participantes de 10 países: España, Portugal, Costa Rica, México, Arxentina, Francia, Perú, Cuba, Ecuador e Paraguai, o que consolida a súa condición de “Feira Comercial Internacional”, un selo outorgado pola Secretaría de Estado de Comercio do Ministerio de Economía e Competitividade, que o converte nunha das cinco citas internacionais de turismo celebradas en España (dúas das cales organiza Expourense) e na única especializada en gastronomía.