• A Deputación apoia á Coral de Ruada na iniciativa “Festival de Ruada da Ourensanía” para levar a súa música a concellos da provincia

0 0 MB e Coral Ruada fer 16

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial ao presidente da Coral de Ruada, Emilio Rodríguez Portabales, e aos membros da xunta directiva desta a agrupación José Manuel Vázquez, Fátima Malingre e Alfonso Rapela, para falar da colaboración que desde a institución provincial se lle presta a esta entidade senlleira da nosa cultura, que ten a súa sede no Teatro Principal de Ourense. O presidente do goberno provincial confirmoulle aos directivos da coral que en 2016 se seguirá mantendo o apoio económico de 10.000 euros anuais, igual que a achega de 2015.

Na reunión analizaron novos proxectos culturais e musicais que está a planificar a Coral de Ruada, entre os que figura o que se denominará “Festival de Ruada da Ourensanía“, que ten como obxectivo que a coral teña unha presenza activa no territorio da provincia de Ourense, sinaladamente en concellos que non están integrados dentro dos habituais circuítos culturais, para que os seus cidadáns poidan ter a oportunidade de gozar coa actuación de tan relevante agrupación coral.

Manuel Baltar afirma que esta iniciativa ten tamén a finalidade “de que a Coral de Ruada actúe en municipios que non visitou nos seus case cen anos de existencia para que tamén se siga incrementando a nosa auto-identificación con Ourense”. Na xuntanza, Baltar agradeceulles o labor que fai a Coral de Ruada “de promoción da nosa identidade” e animounos a continuar por ese camiño, destacando o carácter de “embaixadora da nosa cultura” que ten a Coral de Ruada, “representando a Ourense e á Ourensanía aló por onde vai, dende aquel 5 de outubro de 1918 en que naceu este agrupación coral, institución fulcral na historia cultural e social da nosa provincia”.

En 2013 a Coral de Ruada foi distinguida coa Medalla Castelao de Galicia en recoñecemento aos seus 95 anos de historia, “pola súa implicación coa xente, a cultura e a terra, unha identificación co noso, no que a Coral de Ruada ocupa un lugar senlleiro”, remarcou Manuel Baltar.