I marcha cicloturista “Clásica A Ribeira Sacra”

  • Aberto o prazo para inscribirse na marcha cicloturista “Clásica A Ribeira Sacra” que organiza o Inorde
  • Oo afeccionados ao cicloturismo poden anotarse para gozar desta primeira edición que, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, levará aos participantes ao corazón da Ribeira Sacra

 

O Inorde organiza, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, a primeira marcha cicloturista “Clásica A Ribeira Sacra”. Desde onte mércores abriu o seu prazo de inscricións para que os afeccionados ao cicloturismo poidan gozar da beleza paisaxística que ofrece o corazón da Ribeira Sacra. Esta primeira edición pretende apoiar tamén a candidatura da Ribeira Sacra para que sexa declarada Patrimonio Mundial pola UNESCO.

O evento deportivo, que percorrerá os municipios de Nogueira de Ramuín, O Pereiro de Aguiar, Esgos, Xunqueira de Espadanedo, Parada de Sil, Montederramo e A Teixeira, ofrece aos participantes tres posibles percorridos para poder adaptala a todos os públicos: Gran Fondo de 115 quilómetros e +2700 metros de desnivel; medio fondo de 100 quilómetros e +2200 metros de desnivel; e o mini fondo de 65 quilómetros e +1400 metros de desnivel. Esta proba, de carácter non competitivo, terá lugar o día 12 de setembro, sendo a saída da mesma ás 9.30 horas, na localidade de Luintra, no Concello de Nogueira de Ramuín.

O tráfico estará controlado, pero aberto, polo que os participantes deberán respectar as normas vixentes de circulación. Ademais, durante toda a marcha cicloturista deberán circular polo carril dereito.

“Clásica A Ribeira Sacra” conta cun tramo cronometrado con circulación libre que incluirá a última subida, con ramplas do 24%. Así mesmo, os tres primeiros de dito tramo recibirán un premio especial.

Os interesados en participar poderán inscribirse ata cubrir as 400 prazas ofertadas a través da páxina web: www.aribeirasacra.com. Para as 100 primeiras prazas hai unha promoción de 39 euros que inclúe maillot técnico personalizado do evento, comida ao remate, cronometraxe e servizo mecánico no evento e gozar do patrimonio natural que ofrece a Ribeira Sacra.

O vídeo de lanzamento presentarase nas redes sociais a partir das 18.00 horas e estará protagonizado polo ciclista profesional de Xinzo de Limia, Carlos Canal (BH BURGOS).