Gargallada Teatro foi seleccionada para participar na XIII Mostra Agustín Magán que convoca a Federación Galega de Teatro Amador

 

Como indica hoxe a web do Concello de O Barco, Gargallada Teatro foi seleccionada para participar na XIII Mostra Agustín Magán que convoca a Federación Galega de Teatro Amador. O grupo valdeorrés representará “O anel máxico” no Salón Teatro de Santiago o próximo domingo 7 de decembro ás 21 horas.

En “O anel máxico” Gargallada Teatro adapta a través de Manuel Caramés o texto de Cándido Pazó “Commedia: un xoguete para Goldoni”. Trátase dunha comedia de enredo na que o fío conductor é un anel máxico que provoca o esquecemento a quen o leva posto. Tres cartas de amor que chegan ás mans equivocadas e un morto ausente que non aparece por ningures, axudan a enredar o nobelo. Oito personaxes clásicos da Commedia dell’Arte que entran e saen de escena sen dar descanso ao espectador xunto presenza do gran Goldoni tentando poñer un pouco de cordura. A peza está dirixida por Manuel Caramés e interpretado por Aurora Fernández, Reyes Limia, Gabriel Prada, Lalo Santos, Fran Fernández, Sol Rodríguez, Nuria Menéndez, José María Rodríguez y Manuel González.