10645132_779615368812386_4507437169749623825_n

 

A Consellería de Economía e Industria, a través de Galicia Calidade, levou hoxe a Ourense a súa campaña “Galicia Calidade en ruta”, que está a percorrer as sete cidades galegas con demostracións, talleres e showcookings para achegar a profesionais e consumidores a excelencia dos seus produtos gastronómicos.

No acto de inauguración, no que estivo tamén presente o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, o director xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, defendeu que esta marca é “o mellor pasaporte” das empresas galegas para acceder aos mercados internacionais, xa que representa o “ADN galego dos produtos e servizos e o compromiso coa calidade”.

Desde xeito, tal e como subliñou Alfonso Cabaleiro, a campaña Galicia Calidade en ruta aposta pola calidade como o mellor xeito de acceder aos mercados máis competitivos e esixentes, xa que a marca representa o compromiso das empresas galegas co esforzo por ofrecer os mellores produtos e servizos; e o uso das mellores prácticas para a produción, elaboración e comercialización dos produtos.

Pola súa banda, Rogelio Martínez apuntou que cada vez son máis os consumidores que buscan produtos amparados polo certificado de garantía galego xa que recoñecen nel “confianza, prestixio e calidade”.

 

Galicia Calidade

 

A acción está enfocada aos profesionais do sector da gastronomía (hostalaría, restauración e retail), consumidores e prescritores, co obxectivo de poñer en valor os produtos do sector alimentario certificados por Galicia Calidade.

Galicia Calidade en ruta consiste nun roadshow no interior dun camión adaptado que, ademais de en Ourense, estará en Pontevedra (6 de decembro), Lugo (9), Vigo (12 e 13), Ferrol (16) e A Coruña (19 e 20), e no que se realizarán diversos showcookings, catas de viños e degustacións de produtos amparados por Galicia Calidade. A iniciativa xa arrincou o pasado venres en Santiago de Compostela.

En Ourense, dentro do camión situado na Praza Maior, desenvólvense dúas accións diferentes. A primeira delas, denominada “Esencial”, consiste nunha degustación de “bocados de Galicia Calidade”, elaborados pola chef Marián Rodríguez, e que ofrece unha ampla mostra da versatilidade e excelencia dos produtos.

A segunda, denominada “De viños Galicia Calidade”, consiste nunha maridaxe dos viños amparados por este selo con outros produtos como os xamóns, embutidos ou queixos, baixo a dirección da enóloga Cristina Murga.

 

Galicia Calidade II

 

A campaña Galicia Calidade en ruta, enmárcase na estratexia de reforzo de Galicia Calidade, que cumprirá 20 anos en 2015, e é unha marca recoñecida e valorada polos consumidores que conta con máis de 250 produtos certificados, de 51 empresas diferentes. Entre as empresas que contan con esta distinción figuran varias da provincia de Ourense como Coren, Aguas de Cabreiroá, Bodegas Nairoa, Bodegas Ruchel Gargalo, Patatas Conde ou Quinta do Buble.

10423285_777454099028513_7373036211060342971_n