Galicia aumentou en máis dun 20% o volume de vendas certificadas de produto ecolóxico no 2014

image_gallery (2)

 

Galicia aumentou en máis dun 20% o volume de vendas certificadas de produto ecolóxico no 2014. Isto supón un aumento na facturación con respecto ao ano anterior de máis de 5,3 millóns de euros, ao pasar dos preto de 26 millóns de euros do ano 2013 aos máis de 31 millóns do ano pasado.

Foi un dos datos expostos esta mañá na presentación da memoria de 2014 do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, onde a directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, subliñou que os datos demostran que a agricultura ecolóxica “está en pleno auxe” e que experimentou un gran crecemento en termos económicos. Na exposición tamén participou o presidente deste organismo, José Antonio Fernández Álvarez, e o secretario, Javier García Lozano.

No eido do volume de vendas, sobresae o sector do leite e os derivados, que o ano pasado acadaron un volume económico de máis de 9,5 millóns de euros. Cómpre destacar tamén o incremento de máis dun 5% no número de inscritos (produtores e elaboradores) neste consello regulador, que pasou dos 656 afiliados no 2013 aos 703 no 2014. No relativo á superficie inscrita no colectivo, conta con máis de 15.000 hectáreas para a produción en ecolóxico.

A directora xeral de Produción Agropecuaria fixo fincapé en que esta actividade supón un valor engadido para as producións da terra de Galicia, xa que ofrece ao consumidor un produto natural e de máxima calidade. Esta modalidade, valorou, abre o camiño a novas oportunidades de negocio converténdose nun sector con futuro.

O apoio da Xunta

En relación ao apoio do Goberno autonómico á agricultura ecolóxica, Patricia Ulloa destacou o esforzo que está a facer a Xunta neste eido a través de diferentes liñas de axudas. Expuxo que para diversas actividades de promoción, información e programas de control de calidade a Xunta incrementou en máis dun 43% estas axudas ao Craega, pasando dos máis de 132.000 euros destinados no 2013 aos máis de 189.000 de 2014.

Destacou ademais as subvencións para os produtores asociados ao Craega que participaron en programas de produción e mellora dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, das que se beneficiaron máis de 400 agricultores e gandeiros por un importe de preto de 90.000 euros. A responsable de Produción Agropecuaria tamén sinalou as achegas para a agricultura ecolóxica enmarcadas nas axudas agroambientais do PDR de Galicia 2007-2013, das que se beneficiaron desde 2009 preto de 950 produtores por importe de preto de 2,5 millóns de euros.

Agricultura ecolóxica

A agricultura ecolóxica é un sistema de produción de alimentos baseado no respecto ao medio ambiente, no benestar animal e no mantemento e mellora da fertilidade do solo. Emprégase nela prácticas agrícolas que fomentan o equilibrio do ecosistema, evitando ou excluíndo a case totalidade de produtos químicos de síntese. O organismo encargado de controlar a súa produción e a súa indicación nos produtos agrarios e alimentarios, así como difundir o seu coñecemento, é o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.

También te podría gustar...