A iniciativa da Xunta Facemos marca. Medrando cos artesáns impulsa o emprendemento no sector e a súa posta en valor

image_gallery

 

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, presentou hoxe na Escola de Artes e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago de Compostela o proxecto Facemos marca. Medrando cos artesáns, impulsado pola Consellería de Economía e Industria. Esta iniciativa busca impulsar o emprendemento no sector ao tempo que se contribúe á posta en valor do mesmo, incidindo na importancia social, económica, cultural, local e ambiental da artesanía.

O proxecto, que conta coa implicación do sector artesán galego, iníciase cunha achega aos estudantes das especialidades artísticas co obxectivo de favorecer a incorporación á artesanía a futuros profesionais. Ademais de na Escola Mestre Mateo, onde hoxe os alumnos puideron coñecer de preto o traballo da zoqueira de Vila de Cruces Elena Ferro, no que innovación e tradición van da man, celebraranse xornadas na Pablo Picasso da Coruña, na Antonio Faílde de Ourense e na Ramón Falcón de Lugo. Estes encontros contarán coa participación de artesáns de diferentes oficios e localidades galegas que compartirán as súas experiencias na aposta pola artesanía.

Nestas xornadas difundiranse os beneficios vinculados á obtención da carta de artesán, divulgaranse os oficios artesanais e a marca Artesanía de Galicia, e complementaranse con cursos formativos en diversas técnicas artesanais, onde os estudantes xunto cos artesáns profesionais establecerán un contacto directo.

Dentro do proxecto Facemos marca. Medrando cos artesáns tamén se levarán a cabo diferentes accións dirixidas ao público en xeral, como conferencias, seminarios, e obradoiros para poñer en valor a importancia do slow made.

Este proxecto, que se presentou hoxe coincidindo coa celebración dos Días Europeos da Artesanía, encádrase dentro do Plan de Artesanía de Galicia, que ten por obxectivo conseguir un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego.