As fotos de ‘Lois Rúa’ teñen xa máis 3.200.000 visitas en Flickr

  • Luis Sánchez García chegou á Rúa con 7 anos e empezou a sentir atracción pola fotografía aos catorce, tendo de veciño ao mítico ‘Ragar’
  • Entre outras confesións, cóntanos que de poder fotografar a algún famoso, Anthony Quinn sería o escollido, e que esta pandemia estalle limitando moito as súas saídas e rutinas fotográficas
Luis Sánchez García, Lois Rúa

 

Luis Sánchez, Lois Rúa no mundo da fotografía, é un veciño da Comarca de Valdeorras que nos impresiona só con dicirnos que debe ter, só nas últimas cámaras máis de 250.000 fotografías e que no seu perfil de Flickr, un coñecido sitio web para subir e compartir fotos, acumula máis de 3.200.000 visitas. Estratosférico!

Luis naceu en Sarria pero con sete anos estaba xa vivindo na Rúa, lugar onde chegou cos seus pais tras pasar por outras poboacións como Viana do Bolo. Contando catorce ou quince anos empezou a coller afección pola fotografía grazas a unha cámara que lle deixou o seu pai e grazas tamén á influenza do seu veciño, o coñecido “Ragar” da Rúa. Rematados os seus estudos, chegou á universidade e licenciouse en Medicina en Santiago para anos despois traballar en urxencias, primeiro na Rúa e despois no Barco, cando aínda non existía o Hospital Comarcal actual. Lémbranos que tempo despois foi o médico que fixo “a primeira garda do recén estreado Hospital do Barco” e cóntanos tamén que estivo como Xefe de Admisión uns dezanove anos. De feito, foi dos primeiros ‘admisionistas’ de España, función hoxe imprescindible pero que nacía daquela, sendo el un deles e con funcións de xestión de ingresos, listas de espera, arquivos, etc.

 

Cando comezou esa relación de paixón que tes pola fotografía?

Na mocidade cando tiña catorce ou quince anos comecei cunha “Werlisa Color” que tiña o meu pai. Despois xa montei un pequeno laboratorio en branco e negro e empecei a apaixonarme con cámaras máis profesionais. Tamén teño que dicir que influíu o feito de ter de veciño a Ramón García, o coñecido “Ragar” que tiña unha imprenta e dedicábase á fotografía. Eu vía como revelaba as fotografías, aconsellábame e incluso me regalou material, como unha ‘ampliadora que teño na casa que é unha auténtica reliquia’.

“Influíu o feito de ter de veciño a Ramón García, o coñecido “Ragar” que tiña unha imprenta e dedicábase á fotografía”

 

Autodidacta total ou parcial, apoiado en cursos e formacións?         

Ao principio autodidacta con algún libro e algún consello do meu veciño “Ragar”. Posteriormente lendo e facendo probas xa que ao revelar eu, a cousa era máis barata. Vía o que facía case a tempo real e aprendía dos erros no laboratorio. Non como agora que ves no mesmo momento o que acabas de facer…

 

Fas fotos sempre por afección e pracer ou tes encargos e traballos remunerados?           

Sempre por afección e esporadicamente con algún encargo, pero a maioría das veces por afección.

 

Algunha temática que che cative especialmente?            

Gústame todo tipo de fotografía pero especialmente o retrato e as mans da xente en branco e negro.

 

E  algunha estación do ano que prefiras?         

O outono sobre todo, pero calquera época é boa.

 

Gústame todo tipo de fotografía pero especialmente o retrato e as mans da xente en branco e negro

 

Cantas fotografías calculas que podes ter? E iso contando que hai selección previa e se desbotan moitas, non?           

Moitas, pero polos contadores das miñas últimas cámaras posiblemente máis de 250.000 aparte de negativos e diapositivas da época analóxica.

 

Por certo, como vai ese perfil de Flickr?

Unha pasada, xa superei as 3.200.000 visitas.

 

Unha curiosidade. Que sentido ten para ti como fotógrafo volver fotografar eventos,  ou lugares que  xa  retrataches?           

Gústame volver aos sitios que xa estiven, é un reto para facer fotografías diferentes en situacións similares e fai que me force a pensar máis.

 

É  certo  logo  iso de que «a  mellor foto é a que aínda está por sacar»?           

Si, sempre se pensa que vas capturar o mellor momento ou a mellor luz e iso motívame para seguir.

 

Algunha foto ou fotos das que esteas máis orgulloso e que che gustaría fotografar, que a priori, non estea ao teu alcance?           

Non teño ningunha predilección, pois todas teñen unha historia engadida que en maior ou menor medida motívanme a seguir. Gustaríame fotografar a algunhas persoas que xa non están ou a alguén “famoso”.

 

Xa superei as 3.200.000 visitas en Flickr

 

Anímate con algún famoso ou famosa… a quen che houbese gustado fotografar? 

A ver… (pensativo) Pois a Anthony Quinn, a súa cara é unha pasada, ten uns rasgos que chaman moito a atención. E tamén a Enrique Tierno Galván, sempre me caeu ben. Ten unha cara especial, de moi boa persoa.

 

E a ti, gústache saír nas fotos? 

Non me gusta nada, de feito teño moi poucas fotos miñas.

 

Para rematar, algún  proxecto de exposición a curto prazo?           

Teño pendente unha exposición en Viana do Bolo de fotografía en branco e negro que se pospuxo pola situación actual, espero que a próxima primavera poida facerse.

 

Como levas a pandemia?

Pois xa te podes imaxinar, máis caseiro que de costume. E fastidiado porque me limita as saídas para fotografar.

 

 

Copyright imaxes: Lois Rúa (Luis Sánchez García)