En Monforte, “Cada cousa…no seu sitio”

  • O Concello de Monforte inicia hoxe unha campaña de concienciación cidadá sobre reciclaxe e separación de residuos domésticos
  • A campaña conta cun stand informativo que se ubicará nos principais puntos da cidade dende hoxe e ata o venres, e tamén do 15 ó 18 de decembro.
  • “O noso obxectivo”, sinala o Alcalde, é “informar ós veciños e veciñas de Monforte sobre as claves para que poidan levar a cabo unha axeitada reciclaxe dos residuos que xeran nos seus  fogares”

 

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu a coñecer hoxe o inicio da campaña de información sobre a reciclaxe de residuos domésticos, dirixida a todos os monfortinos e monfortinas, que está organizada polas Concellerías de Medio Ambiente e Servizos do Concello de Monforte.

A campaña ten por obxectivo informar ós veciños e veciñas sobre as claves para levar a cabo unha axeitada reciclaxe dos residuos que se xeran no fogar. Para elo, dende o Concello levouse a cabo unha campaña publicitaria, coa publicación de anuncios en prensa, cuñas en radio e pancartas nas principais entradas da cidade.

Do mesmo xeito, dende hoxe está operativo un stand informativo, que se ubicou na Praza Campo de San Antonio, no que un monitor medioambiental informa ós cidadáns sobre o contido da campaña, repartindo para elo trípticos informativos.

Baixo o lema “Cada cousa…no seu sitio”, a campaña incide especialmente no tipo de residuos que se deben depositar en cada un dos colectores específicos que para elo pon o Concello a disposición dos cidadáns:

 

  • Contedor azul: no que se poden depositar todo tipo de produtos de papel: revistas, follas, xornais, caixas de cartón, envoltorios… E nel non se pode depositar nada que non sexa de papel ou cartón, por exemplo, bolsas de plástico, briks, envases, etc.
  • Contedor amarelo: é o que recolle os envases de plástico, como botellas de auga, briks de zume ou leite, latas de refresco, conservas, etc. Neste colector non se poden depositar residuos tales como CD’s, roupa, bombillas, residuos orgánicos ou produtos contaminantes.
  • Contedor verde: o destinado ós envases de vidro, tales como botellas ou tarros. Non admite todo aquelo que non sexa vidro: tapóns e tapas dos tarros, cristais de espellos, ventás…

O stand informativo ubicarase en distintas zonas da cidade de Monforte co obxectivo de chegar ó máximo número de cidadáns posibles. Todos os cidadáns que desexen recibir información no mesmo poderano facer do 17 ó 20 de novembro e do 15 ó 18 de decembro, en horario de 10 a 13 horas. Deste xeito, o stand estará situado nas seguintes localizacións:

  • Campo de San Antonio: martes 17 de novembro e martes 15 de decembro
  • Praza de Abastos: mércores 18 de novembro e mércores 16 de decembro
  • Praza da Estación: xoves 19 de novembro e xoves 17 de decembro
  • Rúa do Cardenal: venres 20 de novembro e venres 18 de decembro.